Dicía a autora Almudena Grandes que a Historia se constrúe dos retallos do día a día, da supervivencia da cotidiandade das persoas de carne e óso. Porque aí é onde se atopan as verdades do que somos. Esta idea serviría para explicar o sentido d’ O ano das mazás, unha novela coa que descubrimos a gran voz de Montse Ferreira Fervenza, enfermeira do Sergas de profesión, pero tamén unha apaixonada das artes escénicas e formada en interpretación, dramaturxia e escrita creativa. Nesta novela atopamos as vivencias de diversas familias que se relacionan na aldea galega de Vilaveiga durante o golpe de estado e a posterior ditadura. Aínda que pareza que xa saibamos todo sobre este longo período histórico, o certo é que fican moitas cuestións por aclarar, por matizar, sobre todo no que atinxe ao sufrimento das persoas, e como as súas vidas se viron truncadas por uns feitos cos que, à priori, nada tiñan que ver.
O ano das mazás destaca pola súa capacidade para contar ese tempo de represión nunha pequena aldea, e faino dende os detalles máis aparentemente nimios, como pode ser a escasez de froita ou a fame que padecen os protagonistas, como Andresiño, Deolinda ou Adelaida. A autora cóntanos as historias dende múltiples olladas, pero destaca a voz de Andresiño, ese neno ateigado de sensibilidade e un pouco incomprendido do que todos semellan facer burla. A tenrura deste rapaz que se vai convertendo nun homiño contrasta coa maldade doutras persoas que aparecen como contrapunto para contar o que foron aqueles anos de represión, no que os veciños se denunciaban tamén os uns aos outros.
A autora fai alarde dunha gran capacidade de escoita activa, pois a novela está ateigada de lembranzas e de testemuños reais, cun estilo moi rico en matices tanto a nivel lingüístico como literario. Todo iso sen que escape da reflexión necesaria, abordando temas complexos como son o poder que a igrexa tivo na ditadura aplicando máis represión, ou como se mancou a lingua galega, que naqueles anos sufriu un retroceso do que non nos damos recuperado. Todos eles son temas que están aí, e que se descobren nunha segunda lectura. Mais, a cuestión principal é a da miseria, na que a fame que se vive busca escorrentarse a través das froitas e das verduras que se plantan e que nace desa unión necesaria entre a veciñanza, e que tanto e tan ben se practicou nas aldeas pequenas.
Ficha técnica

Título: O ano das mazás
Autora: Montse Ferreira Fervenza
Ano de publicación: 2023
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 256
Prezo: 19,50 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
