Como e por que escribimos? Pode a literatura axudarnos? Dende o principio dos tempos, a humanidade precisou das historias para sobrevivir, representarnos, e mesmo evadirnos. Proba diso son as imaxes das covas de Altamira, ou os contos a pé da lareira que nos contaban os nosos avós e avoas. Baixo a forma que sexa, non podemos esquecernos da ficción, porque define o que somos. Esta idea resume o que atopamos en Hotel Carioca, a novela coa que Antón Riveiro Coello mereceu o I Premio Álvaro Cunqueiro, e que é toda unha homenaxe, un agradecemento, á literatura como terapia ou, no seu sentido máis amplo, como salvación. A obra, ao meu xeito de ver unha das máis redondas do autor limián, ten como protagonista á nena Helena, que xa dende ben cativa escribe cartas ficticias do tío Leandro para que a avoa non se decate do seu falecemento na emigración. Aí nace o mecanismo da invención, case sen ela ser consciente, e nun primeiro momento só como supervivencia, porque hai noticias que doe comentalas en voz alta. Pouco a pouco, esas cartas vanse tornando nunha necesidade vital, e Helena indaga na ficción e no moito que lle gustaría ser novelista, convertendo a obra nunha homenaxe á ficción.
Xa dende a monumental Laura no deserto, Riveiro Coello tennos acostumados a obras cativadoras que son como bonecas rusas, nas que atopamos unha multiplicidade de temas e de olladas e sempre cunha perspectiva novidosa. Esta novela río emprega a primeira e a segunda persoa, esta última unha fórmula estilística moi arriscada e complexa pero coa que consegue a nosa implicación activa na lectura.
Nela fálase do silenzo das familias, dos segredos que se agochan aínda que pensemos que o sabemos todo de todos. E tamén están presentes outros temas que Riveiro Coello abordou na súa obra, como a emigración, a identidade e a homosexualidade, ou o paso do tempo. O tío Leandro e a nena Helena teñen moitas similitudes, ambos habitan mundos que non comprenden de todo. Ante a falta de información, Helena bota man da ficción, das historias que escribe en boca do tío Leandro para que a avoa non se decate da farsa. E nesa invención comeza a interesarse na escrita coma nunha profesión, unha metáfora que lle serve ao autor para explicar os mecanismos da literatura e como nacen os escritores: quizais primeiro para explicárense a si mesmos e os misterios propios arredor do mundo, pero pronto xermolan as ansias de recrear, de inventar, de lembrar moitas vivencias propias ou alleas e mesturalas ao servizo dunha historia. En definitiva, unha obra que lemos coa mesma paixón que os grandes contos, nos que hai odio pero tamén amor e nos que, sobre todo, se fala de nós.
Ficha técnica

Título: Hotel Carioca
Autor: Antón Riveiro Coello
Ano de publicación: 2023
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 594
Prezo: 26,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
