O magma queima

A protagonista e narradora namórase dun rapaz que le a Derrida e soña con que sexa o seu mozo. Soña ata a obsesión. Estaría disposta a facer o que fose. E isto é quizais o que a leva a unha espiral de control na que el a vai apertando cada día un pouco máis. A ela parécelle que logrará aguantar o pulso, e que el a vai querer. Ela non se valora, xoga a súa autoestima ás faragullas que el lle dá. Podería ser este un argumento de ficción, pero é máis real do que parece, pois case todas as historias de violencia machista comezan dun xeito similar. Cóntanolo a autora islandesa Thora Hjörleifsdottir no libro Magma, que vén de traer Rinoceronte ao galego na tradución de Elías Portela, e despois de ser un dos máis vendidos no país natal da escritora, onde causou un gran debate pola temática que aborda.

En Magma desprégase un estilo duro, directo, crúo, no que en fragmentos curtos da vida da protagonista se nos vai contando como acaba sendo maltratada psicoloxica e fisicamente por ese home. O libro é moi potente porque nos achega dúas ideas fundamentais nas que cómpre incidir sempre: a violencia pode ser exercida por moitos homes e sufrida por moitas mulleres, e non existen clases sociais nin estudos que nos libren. E é que a liña é moi fina, e o mal entendido romanticismo fainos crer ás mulleres que é preciso loitar por un amor con unllas e dentes e deixando de ser nós mesmas, se é preciso.

A autora escribiu unha das mellores novelas que lin sobre o maltrato, pois posúe unha capacidade de síntese tal que a leva a contar cunha linguaxe directa, sen florituras e con páxinas nas que todo o tempo parece que nos cravan coitelos afiados. Un exemplo deste estilo dáse no momento no que describe o dano que lle fan as palabras del, que lle son roubadas a ela e sacadas de contexto: “cando discutimos, atácame coas miñas propias palabras. Entón síntome coma unha rapaza que amputou os brazos e llos entregou de boa fe. Agora el usa eses brazos sen vida para darme sopapos”.

Ler Magma doe e fainos sentir moita rabia, carraxe, pois todas coñecemos, por desgraza, casos de relacións que xa dende o comezo se auguran tóxicas e rematan en calvarios coma o da protagonista.

É necesario poñer todo isto por escrito, ensinarnos a querernos ben: a nós mesmas primeiro, e despois aos demais. E que todo o que doa non é amor. Non debemos achegarnos ao magma que queima. Igual cando nos decatamos xa estamos na fogueira.

Ficha técnica

Título: Magma

Autora: Thora Hjörleifsdottir

Tradutor: Elías Portela

Ano de publicación: 2023

Editorial: Rinoceronte

Número de páxinas: 148

Prezo: 17,00 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.