Non me gusta o fútbol como espectáculo. Porque creo que é algo máis, e que nada ten que ver o que temos hoxe que como naceu en orixe. Non me gusta ese espectáculo nin o falso xornalismo que se fai tras el. Pero Héctor Pena consegue reverter esta sensación. Xornalista especializado en deportes galegos na súa amplitude, Pena gañou o pasado ano o Premio Johan Carballeira de Xornalismo do Concello de Bueu cun amplo monográfico (“Historia inacabada do deporte galego”) arredor dese tema, no que falaba das disciplinas habitualmente minorizadas, como o deporte de persoas con discapacidade, ou o exercido polas mulleres.
Tras esa reportaxe, que destaca pola súa abondosa documentación histórica, o xornalista de Nós Diario publicou o pasado ano dous libros arredor do fútbol feminino. Un deles, A pioneira, é unha novela xuvenil arredor dunha nena á que lle gusta o fútbol e á que lle chaman “marimacho”. O outro é un ensaio que se titula Historia do fútbol feminino en Galicia, e no que se recollen os principais fitos das mulleres que xogaron e xogan ao fútbol no noso país. Unha obra pioneira, que abre camiño, pero que ao mesmo tempo se sitúa no marco dos estudos de xénero que reivindican a historia esquecida das mulleres.
Héctor Pena emprega sobre todo fontes documentais, en especial artigos xornalísticos da época, e mesmo se recollen algúns dos insultos que recibían as mulleres que manexaban o balón naqueles anos do franquismo no que o xornalismo estaba ateigado de machismo. Cóntanos como Irene González foi referente nunha historia que hoxe en día protagonizan outras coma Vero Boquete, Tere Abelleira ou Pauleta. Aquí fálase de como durante a ditadura Pilar Primo de Rivera se refería ás mulleres deportistas como “desprovistas de todas as calidades femininas”, insultos que tamén impregnaban os xornais da época; ou como o xornalista Enrique Guardiola, aseveraba que estaba ben que as mulleres se educasen fisica e espiritualmente, pero “por Deus! que non se marimachée. Nós témoslle horror ao marimacho”. Complementando esas fontes documentais e xornalísticas, a obra incorpora ademais entrevistas con mulleres futboleiras, caso de Lis Franco, Vero Boquete ou Paula Domínguez ‘Pauleta’, o que engade unha dose de actualidade. Nestas entrevistas podemos albiscar como foi evolucionando o fútbol, pero sobre todo as mulleres participantes fan unha denuncia de que a día de hoxe aínda existan clubs que non dispoñan de equipos femininos, o que non se podería consentir en pleno século XXI.
O libro é unha mostra do moito que fica fóra dos xornais, e demostra que o fútbol feminino está nun momento importante, que ten que ver con que se vaian ocupando eses espazos maioritariamente masculinos.
Ficha técnica

Título: Historia do fútbol feminino en Galicia. De Irene González a Vero Boquete
Autor: Héctor Pena
Ano de publicación: 2023
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 210
Prezo: 18,20 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
