Laura no deserto

Lin Laura no deserto cando pasaba por unha etapa dura, nuns días (semanas) nas que precisaba de liñas que me explicasen a necesidade que temos moitas veces de emendar a culpa e de buscar a nosa propia identidade. A novela máis ambiciosa de Antón Riveiro Coello axudoume a sobrelevar mellor a vida, cuestión que en ocasións semella non ser doada.

Como vén sendo habitual na escrita do autor limián, combínanse aquí diversas historias que culminan nun mesmo punto ao remate, unha técnica que, sen dúbida, consegue que o lectorado non poida parar ata ver como encaixan as pezas do crebacabezas.  Pero, non pensedes que se trata dunha novela de intriga nin moito menos, senón que é moito máis. Laura no deserto fala da memoria e da perda dos recordos, un mecanismo de inmunidade á dor que algunhas persoas aplican ante un suceso traumático das súas vidas. Iso é o que lle acontece a Laura, unha muller que vive en Brooklyn na súa vellez sen recordar quen foi, e nada máis se atopa na súa mente que o murmurio dunha canción. Mentres, en Barcelona, a súa sobriña indaga en quen foi esa tía que desapareceu precipitadamente das súas vidas.

Completan o cadro Bob, un fotógrafo retirado de Brooklyn e o seu amigo Bernie, que probou o suicidio, ademais do fillo dun intelectual galego que indaga na frase que pronunciou o seu pai antes de morrer.  A través destas historias, o autor vai cosendo os fíos que as relacionan, ao tempo que, co seu estilo coidado e apegado á linguaxe poética, nos empurra a pensarmos sobre a necesidade que experimentamos ao longo das nosas vidas de saber quen somos realmente, e de cuestionar  o pasado da familia que nos enxendrou.

Estamos, pois, diante dunha novela que abrangue moitos fitos da contemporaneidade, como son a Guerra Civil e a posguerra ou a Segunda Guerra Mundial. Precisamente sobre a supervivencia nun campo de concentración fálase nunha parte da novela, na que o autor deixa patente a sensación de culpa que senten as persoas que por alí pasaron, as cales tiveron que facer de todo por sobrevivir. E, ante todo o que aquí se conta, é inevitable que nos preguntemos, que fariamos nós de estarmos nunha situación tan dura? A culpa emerxe como explicación e como tema dunha parte moi importante do libro.

“Mais xa non será o mesmo porque a imaxinación non pode substituír a memoria. Crear recordos sobre palabras e fotografías prestadas é como pretender mirar con ollos alleos, un proceso inverso ao de antes cando, para facer as fotografías, eu procuraba a parte invisible que agachaban as persoas; agora, busco nas fotos esa zona invisible que había en min ao facelas”.

Ficha técnica

Título: Laura no deserto

Autor: Antón Riveiro Coello

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2011

Número de páxinas: 726

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Un comentario sobre “Laura no deserto

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.