Hai cousas das que non se fala, e quizais por iso pensamos durante tanto tempo que non existían. Os silencios impostos. A protagonista de Memoria de rapaza é unha muller, Annie Ernaux, falando cunha moza de 18 anos, Annie Duchesne, ela mesma, cando comezou a descubrir a vida e se deslumbrou coa liberdade. Sobreprotexida polos pais, comezou a medrar naquel verán do 1958 no que foi monitora dun grupo de rapaces e no que tamén se abriu ao sexo e ao amor. Pero non é unha historia idílica. Máis ben ao contrario. A autora indaga nese pasado, por veces escuro, e tenta reconstruílo a través dunha memoria traizoeira. Fala dende a muller que é hoxe pero tentando entender e lembrarse dos sentimentos daquela rapaza, e de aí o título de «memoria de rapaza». Nese camiño hai un momento que marca un antes e un despois: a perda da inocencia, cando a moza se mete no cuarto dun rapaz polo que se sente atraída e descobre a peor cara de ficar espida sen saber quen é.
A Premio Nobel de Literatura aborda neste libro o desexo e a descuberta do corpo, mais tamén expresado na dor e nesa sensación de desprazamento, de non encaixar. Para a protagonista, ese verán foi o repunte da liberdade, unha sensación que antes só experimentara nos libros e revistas da época. A obra, por veces, semella unha homenaxe a Colette e a Françoise Sagan, dúas mulleres que se atreveron a escribir sobre o desexo feminino nun tempo prohibido, e ás que Ernaux segue.
Alternando a primeira e a terceira persoa, Ernaux busca xerar en nós confusión, pois ás veces recoñécese nese antigo eu e outras rexéitao, de forma que o libro é un xogo da busca dese tempo e da súa propia identidade a través dos anos. Máis ca unha novela, a obra é unha recompilación de reflexións, vivencias, descubrimentos que entroncan con outras lecturas, caso da Marguerite Duras d’ O amante ou O amante da China do Norte. É precisamente aí, nesa fragmentariedade, onde se distingue a voz de Ernaux, a cal tamén observamos n’ O acontecemento, obra que, por certo, tamén podemos ler en galego da man de Rinoceronte.
A memoria constrúese, tamén, grazas aos libros e á música que pasan pola túa vida e che achegan outra forma de estar no mundo. Por iso aquí están tan presentes, e a través deles a autora entende as contradicións que a asolan sobre todo arredor do sexo e a moral, moi controvertidos naquela época, na que a liberdade das mulleres sempre se vía relegada.
Ela busca, recoñécese, le e escribe como fórmula para explicar o mundo que a rodea, aínda que ás veces non o consiga. O libro son todas esas dúbidas e a memoria.
Ficha técnica

Título: Memoria de rapaza
Autora: Annie Ernaux
Tradutor: Moisés Barcia
Ano de publicación: 2024
Editorial: Rinoceronte
Número de páxinas: 136
Prezo: 17,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
