Todas as guerras son a mesma

Adoita dicirse que na crueldade sempre agroma a beleza, e por iso a literatura que me parece máis frutífera é aquela que transita sobre a dor. Tal e como xa fixera Ledicia Costas n’ Un animal chamado Néboa, Antón Riveiro Coello sorpréndenos agora con Días de intemperie, un libro de relatos sobre a guerra, nos que atopamos a maldade humana máis descarnada e, ao carón, a bondade que xorde nos peores momentos. Con esta recompilación, o autor limián móstranos que todas as guerras son un pouco a mesma, e que soamente mudan os e as protagonistas.

Días de intemperie comeza cun relato situado na guerra da Ucraína, e nel reflexiona sobre os mecanismos de defensa que adopta o ser humano e a súa mente cando a realidade é brutalmente gris. Nesta historia condénsase a maldade na súa máxima expresión, pero tamén se fai un alegato da arte e da cultura que nos axudan nos peores momentos, idea esta que pivota en moitos dos relatos posteriores do libro. Aí atopamos unha das citas que mellor resume os efectos dunha guerra e o que provoca nas persoas: “a memoria é cruel. De feito, cre que xa nunca se sentirá segura en ningures. Todo é intemperie dende que o avión lanzou a bomba”. A intemperie é ese estado de abandono, de non saber en que lugar estar a salvo nin o que isto significa.

Do mesmo xeito que xa fixera noutras novelas súas, caso de Laura no deserto ou As rulas de Bakunin, Riveiro Coello adéntrase no fondo do ser humano para analizar dende a psique as súas accións. Así, cando lemos todos en cada un dos relatos de Días de intemperie, cremos coñecer os e as personaxes á perfección, un trazo ao que habería que engadir o coidado do autor no tratamento dos espazos, o que resulta máis difícil cando se trata de relatos tan dispares.

Escribir estas historias supón un exercicio de valentía, mais tamén unha forma de homenaxear a literatura e o seu poder transformador. Neste sentido, importantes son as mensaxes que nos deixa Riveiro Coello a través dos diversos personaxes: a importancia dos coidados, a amizade e o amor nos tempos convulsos e a aprendizaxe dende a maldade. Ademais, aínda que a guerra é o tema fundamental, pareceume moi interesante a forma na que engade outras cuestións de interese social, como a homosexualidade, a vinganza, o contrabando ou a orfandade.

Ficha técnica

Título: Días de intemperie

Autor: Antón Riveiro Coello

Ano de publicación: 2022

Editorial: Galaxia

Número de páxinas: 115

Prezo: 16,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.