Atopar os nosos espazos

Ante a precariedade e a incerteza, sempre nos quedará a lectura e a escrita. Iso propón a narradora de Diario de dúas casas, un libro no que se indaga na busca dos espazos e como estes inflúen na nosa forma de vivir. María Villamarín estréase cunha obra diarística, que nace dende a observación do arredor para o seu posterior rexistro na escrita. Unha muller nova, que podería ser a mesma escritora, confésanos os seus sentimentos e o que lle acontece no seu día a día a cabalo entre Compostela e a Casa da Veiga, na Limia. Os espazos urbanos contrapóñense cos da aldea que a viu medrar e na que pasa algunhas tempadas coa familia, e botando unha man nas tarefas cotiás, como a recolleita da pataca, un ritual que, por certo, ela describe demoradamente. Tamén se fala desa dualidade entre os tempos acelerados que nos impoñen as cidades, e os ritmos lentos e sosegados que propoñen as aldeas e que a protagonista reivindica case coma unha volta ás orixes.

O libro está escrito cunha sinceridade que aterece, pois busca a complicidade nosa, do público lector, e evoca ese momento vital no que moitas nos sentiriamos perdidas entre moitos espazos e sen pertencer a ningún deles. No medio de todo iso, narrado cun gran intimismo e coidado, topamos de fronte coa precariedade laboral, un monstro que enche de medo ás persoas novas que se forman continuamente e non acaban por encaixar no mundo tal e como está concibido.

Ante toda esa situación, vitalmente negativa, a protagonista e narradora comeza a tomar notas no móbil entre os anos 2017 e 2019 e aproveitando esas viaxes continuas entre os dous espazos. Ás vivencias propias e coa familia, únese unha visión nada utópica sobre as aldeas, e tamén se toma man dos libros e películas que lle serven para facer o día a día máis levadeiro. Obsérvase aquí, ao igual que acontece con moitos dos libros que están saíndo á luz na actualidade, un afán por escribir dende o eu, e por reivindicar a cultura como un bote salvavidas. Ou iso sentín eu, que lin esta obra coma unha proposta moi orixinal e sincera, que ao mesmo tempo é capaz de dialogar co mellor da narrativa europea e latinoamericana, e tamén con outras autoras coetáneas, caso de Berta Dávila.

Unha novela na que a protagonista emprega a literatura para entender por que cae ás veces, e que abre máis o debate arredor do paso do tempo e de como este inflúe nas persoas que a rodean. Vida e literatura no sentido máis puro.

Ficha técnica

Título: Diario de dúas casas

Autora: María Villamarín

Ano de publicación: 2023

Editorial: Euseino?

Número de páxinas: 130

Prezo: 18,00 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.