Despois de toda unha vida dedicada á tradución, cun inxente traballo ás costas neste eido e sendo responsable de que hoxe contemos en galego con moitas obras na nosa lingua, María Alonso Seisdedos estréase na novela. E faino cunha obra que bebe de moitas tendencias e moi poliédrica, críptica por momentos, que se formula coma un xogo no que dende o inicio ata o final buscamos as pistas que nos levarán a fiar todas as historias. As Jermaine parte do impacto da fotografía, un invento ateigado de misterio e no que se basea a trama da novela, que é coma un nobelo de la enmarañado moitas veces. Esa imaxe que nos chama poderosamente dende a portada é a que prendeu na imaxinación da autora, quen confesa que cando a viu por primeira vez ficou intrigada pola historia das irmás, pero sobre todo da que ese día concreto, segundo lle contara o seu interlocutor, non quixera saír na foto. Aí arranca unha historia na que o silenzo ten moito que contarnos. A obra pode lerse como a Rayuela de Cortázar, en orde tentando recompoñer o crebacabezas, ou alternando as tres historias, que son as das irmás Jermaine, a da persoa a piques de xubilar, e a de Piet. E todas se engarzan ao final, manténdonos en vilo, sen que en moitos casos saibamos onde estamos pero queiramos sabelo.
Cunha linguaxe moi coidada, Alonso Seisdedos ten esa capacidade de beber da nosa lingua máis rica, en todas as súas variedades, e de ampliala para valorar o enorme que é. Non en van a historia é tamén unha reivindicación do galego máis fermoso e diverso.
Dicía que As Jermaine é coma un nobelo enmarañado, pois as historias que se contan trazan un mapa que percorre Vigo, os Países Baixos ou as Illas Aruba, e tamén diversos tempos históricos. Precisamente é aí onde radica a súa complexidade, pero todo está colocado ao milímetro, cada adxectivo, cada voz, e ata cada unha das citas literarias que se inclúen ao comezo. O libro é, entón, coma un xogo no que imos atopando as pistas para conseguir gañar.
Este libro defínese, entón, de moitas formas, pero o que máis destaca é porque fala do que non se conta pero está aí, das eternas inxustizas históricas ás que se enfrontaron moitas mulleres ao longo do tempo e en moitos lugares do mundo. Esa irmá que non quixo saír na foto agocha un segredo que escoce, mais que é visible e do que somos hoxe máis conscientes: o medo a non existir. Neste sentido, a obra tamén é un pouco social e política, aínda que o que máis destaca nela é a súa orixinalidade para evocar o mellor e o peor do ser humano. Difícil de definir, pero moi doada de sentir. Parabéns por esta estrea!
Ficha técnica

Título: As Jermaine
Autora: María Alonso Seisdedos
Ano de publicación: 2024
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 164
Prezo: 17,60 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
