Todas as historias de amor comezan cunha mentira. Pode que todas as historias en xeral, pois sempre está aí o xogo da imaxinación e da memoria, que son moi traidoras. Matino sen parar nestas dúas ideas logo da lectura de Días felices con Fábia, na que se leva ao extremo unha mentira para facernos crer que, igual, todo podería ser certo.
Xosé Cermeño, creador da mítica serie da TVG Pratos Combinados, preséntanos aquí a un realizador de televisión que é despedido e que busca desesperadamente un novo traballo. Despois de anos de profesión, non pode crer que decidisen prescindir dos seus servizos. Xa dende o inicio, a novela denuncia a precariedade na que se ven moitas persoas que traballaron moito tempo nunha empresa e que na mediana idade deben buscar novas oportunidades, sen que case ninguén llas conceda. O narrador pretende crear a sensación dun diálogo con nós e por iso dende a primeira páxina incítanos a continuar coa lectura, pois promete falarnos de como a súa vida, que parecía abocada ao desastre, cambiou por un momento cando o chamaron para dirixir un documental sobre polbos na cidade do Porto.
Ao chegar alí coñece a unha muller coa que pasará momentos inesquecibles, os cales, unha vez vividos, semellan abocados ao terreo das ilusións. E é que o protagonista fálanos do sabor do prohibido, desa experiencia de namoramento que el vive e que parte dunha mentira, xa que en ningún momento consegue confesar que ten muller e fillos que o agardan á volta. Pero, o que se di é: que máis dará o futuro mentras dure o presente? Acaso non podemos ilusionarnos?
A novela xoga cos límites entre a verdade e a mentira, e continuamente obríganos a nós, como público lector, a que nos preguntemos que fariamos se estivésemos nesa situación. O autor sente que comete unha impostura, e a novela tamén reúne a outros impostores que conseguiron enganar á humanidade, de forma que a novela se pode ler dende o persoal mais tamén coma un ensaio nese sentido.
Días felices con Fábia é, así mesmo, un percorrido viaxeiro pola cidade portuguesa do Porto, polas súas rúas e cafés, espazos que o autor consegue evocar á perfección e facendo manexo de descricións moi coidadas. O que si lle resta calidade ao conxunto da novela é a condensación de parágrafos ateigados de documentación, ben sexa relacionada co polbo ou cos impostores, e tamén outros nos que as anécdotas estorban a lectura fluída que se promete ao comezo, no que si consegue prendernos.
Ficha técnica

Título: Días felices con Fábia
Autor: Xosé Cermeño
Ano de publicación: 2023
Editorial: Galaxia
Número de páxinas: 238
Prezo: 20,90 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
