Contar as vidas das casas

La escritora catalana Irene Solà, autora de "Canto yo y la montaña baila"

Imaxinádesvos unha casa na que coincidan mulleres vivas e mortas de todas as idades? Na masía Clavell, a vella Bernadeta atópase moribunda, e nese complexo transo entre a vida e a morte van aparecendo as mulleres da súa vida: Joana, Blanca… e tamén os homes que a acompañaron. Semella un aquelarre de bruxaría, pois elas conversan e cociñan comidas tradicionais e con moitas especias. Irene Solà volve deleitarnos cunha novela que pon en valor a memoria e a narración oral, e na que o pasado e o presente conflúen para facernos pensar que no interior das casas, lonxe das aventuras, tamén está a vida. Ela reivindica iso, a vida das pequenas historias cotiás, como fan as grandes escritoras. Como dicía Almudena Grandes.

Traducida ao galego por María Alonso Seisdedos, Deiche ollos e miraches as tebras destaca dende o inicio por un rico vocabulario no que a natureza é a protagonista principal, e tamén no que aparece moito a bruxaría. Esa linguaxe deixa o pouso dos grandes contos que se narran na lareira, onde sempre se toma man da memoria persoal e colectiva, que son as grandes esquecidas do relato habitual. Irene Solà recrea unha atmosfera moi sensorial, tal e como fixera na súa exitosa novela Canto eu e a montaña baila e moi apegada ao que tamén fai a galega Cristina Sánchez-Andrade, cun estilo ámbalas dúas moi cunqueirano. Así, mentres lemos podemos case cheirar as personaxes coma se estivesen ao noso carón, ou ulir esa comida que preparan as mulleres nos fogóns. Tamén albiscamos como se tocan entre elas, e como coñecen aos homes moitas veces malditos e que semellan posuidos polo demo.

Esta sensorialidade lévase ao estremo xa dende a propia división do libro, composto por cinco capítulos que son en realidade as diversas partes dun día e que van dende a mañanciña ata a noite. Nese día enteiro cabe unha vida, moitas vidas, as de todas esas mulleres que habitan a casa e que contan as lendas da masía e do lugar que as viu nacer. Neste sentido, e como xa a autora destaca ao final, decatámonos de que hai unha gran labor documental detrás, que serve para achegarnos unha forma de vida que se esvaece, e tamén coma unha chamada a escoitar aos nosos maiores. A memoria é un xogo, e no que contan esas mulleres hai moito de aventura, malia que non sexan as dos homes con espadas nin correndo fuxitivos. Aí tamén está a dignidade e a supervivencia dos pobos, que é algo que Solà ten sempre moi presente ao longo da súa traxectoria literaria. Esta obra é un pracer estético.

Ficha técnica

Título: Deiche ollos e miraches as tebras

Autora: Irene Solà

Tradutora: María Alonso Seisdedos

Ano de publicación: 2023

Editorial: Kalandraka

Número de páxinas: 200

Prezo: 17,00 €

Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.