“A imaxinación é un placebo”. A intelixencia artificial é a gran protagonista do mundo actual, e xa comezan a existir estudos que analizan os seus pros e os seus contras. A escritora vasca Katixa Aguirre escribiu unha das novelas máis espectaculares neste sentido, creando en nós unha sensación de que todo se confunde entre o real e o onírico. De novo centauro vén de ser publicada en galego na tradución de Isaac Xubín para a editorial Aira, e a través dela reflexionamos sobre a soidade dun mundo que realmente está moi interconectado. Pero como pode acontecer isto? Paula é a protagonista da obra: é unha muller que crea contidos para ese multiverso ao que se accede a través das lentes especiais Oftal. A súa profesión é “reconstruír aquilo que falta”, pero tamén sabemos que busca continuamente un cuarto propio “porque a súa principal fantasía erótica era estar soa no cuarto dun hotel”.
A diferenza do anterior libro da autora, este sitúase nun futuro descoñecido, pero moi próximo ao que habitamos, e sucede durante unha viaxe a París da protagonista, a cal busca coñecer os pasos de Mary Wollstonecraft, pioneira do feminismo e nai de Mary Shelley. Pero tamén ten un marido e fillos, e busca o seu pracer persoal. É unha muller que defende unhas ideas feministas, pero que precisa liberarse de pesos innecesarios, e aí a súa propia vida e a de Mary conflúen dando lugar a unha lectura na que, literalmente, nada é o que parece. Que é verdade e que é mentira? Onde está realmente Paula? Acaso as lentes poden provocarlle visións irreais? Cal é o peso da ficción? De novo centauro é unha obra poliédrica, para ler devagar, na que imos reconstruindo todas as pezas coma nun crebacabezas, con moitas arestas para pensar sobre temas do presente, caso das novas masculinidades, o sexo, o coidado dos fillos e as responsabilidades do fogar, entre outras. Así mesmo, tamén imos coñecendo a vida de Wollstonecraft e o que supuxo na loita dos dereitos das mulleres a pesar da súa prematura morte.
“De novo a dúbida, de novo centauro” é unha cita que atopamos xa case ao final e que vén a refrendar a idea da dúbida, da confusión que fica todo o tempo e que, entendo, é premeditada por parte da autora. Quizais un exemplo dos tempos que habitamos, nos que existe un gran caos que trastorna as mentes das persoas. Moito ruído de fondo, e tamén nas nosas cabezas. A literatura non pode ficar allea a todo iso.
Ficha técnica

Título: De novo centauro
Autora: Katixa Aguirre
Tradutor: Isaac Xubín
Ano de publicación: 2023
Editorial: Aira
Número de páxinas: 200
Prezo: 19,95 €
Esta crítica foi publicada orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
