Os premios literarios sempre son unha boa oportunidade para descubrir novas voces, e o Illa Nova de Narrativa, que convoca a editorial Galaxia e o Ámbito Cultural de El Corte Inglés, actúa como un bo medidor do que se está cocendo nas letras galegas novas. Cun estilo coa intriga como elemento fundamental, e moi na dinámica da do ano anterior de Sara Vila, neste caso Irene Rega Jul sorpréndenos con A malferida, unha historia na que temos que desentrañar que pasou coa rapaza Mariña. Ela desaparece un día sumindo á súa nai nunha profunda tristura e culpa, e o libro conta xa dende o primeiro intre como se desenvolve a investigación policial e tamén os últimos pasos desta nena que se está convertendo en muller e que sofre bullying. A súa historia pode ser a de calquera neno ou nena, que dende a idade temperá busca a aceptación dos demais e, como non a consegue, tenta ser invisible, pero xa nada pode frear esa escalada de violencia que se desata. Mariña vén simbolizar, pois, a moitos nenos e nenas do presente e do pasado, e a autora aproveita o libro para lanzar mensaxes claras e evidentes da necesidade que temos de concienciarnos e actuar para solucionar e acabar dunha vez por todas con este problema social. No outro lado, pero moi próximo, está un policía que comeza a súa vida noutro lugar e que agocha un pasado tamén triste e duro, o que o fai buscar refuxio na bebida.
Irene Rega escribe un libro trepidante, que non podes soltar, cunha historia que nos prende á cadeira, mais tamén cunha fonda análise social. A novela é moi contemporánea, tanto no estilo como na temática que aborda, e na indagación psicolóxica dos personaxes, de xeito que podemos atopar unha simbiose directa entre o que son as persoas no presente en relación coas vivencias do pasado.
“Moitos sentíronse culpables de non ter falado, de calar, de ser meros observadores do inferno que estaba a vivir a rapaza invisible da última fila, sabéndose culpables do mesmo. Aquela moza tan intelixente, a que non falaba, a que sempre sacaba deces, que xamais os acusou de todas cantas vilezas lle fixeran. Esa que non quería ser vista, que aguantaba burlas e mesmo golpes, calada, coma se estivese muda, coma se o seu corpo non experimentase dor. Todos se metían con ela, pero ela non se queixaba nunca. Xamais”.
Xa dixemos que a novela é trepidante, mais tamén contén unha mensaxe de denuncia social, e sitúase a carón dos desfavorecidos, dos agredidos, dos afastados, dos que non atopan o seu lugar. E oponse a todas as persoas cómplices das inxustizas e as consentidoras da dor. Neste sentido, defínese como política, e volve demostrar que as novelas de misterio, policiacas ou de intriga son as que mellor poden analizar o mundo que habitamos e as súas contradicións.
Ficha técnica

Título: A malferida
Autora: Irene Rega Jul
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2022
Número de páxinas: 210