«Oito días sen Eva Cortes» de Sara Vila Alonso

“E iso que era experta en ventar desastres. Ela, que non conseguira sequera enxendralo, levaba ese baleiro moi dentro. A perda prematura, a soidade. Iso era o que lle doía”.

Antía é unha xornalista que se debate a diario entre exercer a profesión con dilixencia e afastada do sensacionalismo, e unha vida persoal que non é o que de cativa soñaba. Xa na trintena, enfróntase a medos como a soidade e a perigos como as relacións tóxicas. E por se isto non fose pouco, de súpeto ten que facerse cargo da cobertura mediática do caso dunha rapaza desaparecida na cidade ficticia de Pontevella, Eva Cortes, coa que, por certo, descobre que ten moitas semellanzas. Así podería resumirse o argumento de Oito días sen Eva Cortes, a novela coa que Sara Vila Alonso se fixo co Premio Illa Nova de Narrativa no 2021, desvelándose coma unha voz que manexa á perfección os recursos da intriga e da narración, ao tempo que consegue facernos pensar moito no mundo que habitamos. Neste sentido, este premio que promove a editorial Galaxia conta xa cunha nómina de autoras cuxa principal virtude é poñer o foco na realidade e concienciar sobre ela, algo que observamos, por exemplo, en Senlleiras de Antía Yáñez, coa que esta novela ten moitas concomitancias.

“Cando unha muller desaparece contra a súa vontade, sempre hai un home polo medio, Fani. É así. Por iso este asunto dá pavor. Poderías ser ti, ou eu. Podemos ser calquera”.

Aínda que calquera semellanza coa realidade é froito da casualidade, o certo é que nesta novela resulta imposible non atopalas. Comezando pola profesión da autora, que exerce o xornalismo ao igual ca unha das protagonistas, o que lle serve para lanzar moitísimos pensamentos e reflexións sobre a propia profesión e que serven como reivindicación da súa mesma necesidade. E é que, ante o tratamento machista que se propón desde moitos medios de comunicación, é preciso que se enfoque con perspectiva de xénero e se informe dende a responsabilidade social, tal e como quere facer Antía ante a desaparición de Eva Cortes e que lle trae algún que outro malentendido cos seus xefes. Como vender xornais e defender os principios propios? A esa pregunta se enfronta diariamente a xornalista, e así nolo manifesta nesta novela que é, ante todo, un thriller que indaga nos porqués das desaparicións de tantas mulleres pero que, sobre todo, pretende ser unha reivindicación / visibilización dos medos e de como desfacerse deles para chegar á propia identidade, aínda que por veces isto pareza unha utopía.

Oito días sen Eva Cortes é un libro que nos atrapa de principio a fin, cun estilo que flúe, cunha linguaxe que non é neutral e que toma partido ante o que debería ser xusto, e que non nos deixa indiferentes, quizais porque calquera de nós poderiamos ser Antía ou Eva, e iso doe. O libro constrúese con mecanismos propios do xénero policíaco e negro, aínda que con algunhas revisións feministas, e tamén ten semellanzas coa crónica xornalística que parte dos mellores mestres como Tom Wolfe ou Truman Capote, ou mesmo Ryszard Kapuskinsci. Con todo, e como xa dixemos, Sara Vila posúe unha forma de escribir moi propia, na que é quen de tomar os seus referentes e retorcelos, e aí radica o seu punto forte.

“Comprometérase coa causa de informar e dar voz a quen non a tiña. Agora nin sequera sabía se habería alguén que puidese facer iso e á vez pagar unha hipoteca”.

Ficha técnica

Título: Oito días sen Eva Cortes

Autora: Sara Vila Alonso

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 191

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.