«21 poetas do século XXI», antoloxía de novas voces da poesía galega

A literatura é xogo e a poesía é, de entre todas as artes literarias, a máis lúdica. Coincido con esta descrición que aparece na contracapa de 21 poetas do século XXI, unha antoloxía que publica a editorial Aira e na que atopamos un testemuño das voces máis novas da poesía galega. Elas e eles demostran que hai futuro para a poesía, e que teñen moito que dicirnos.

Carlos Da Aira foi o encargado de levar adiante a selección de participantes para este libro tan especial, pois como el mesmo recolle no limiar “en idades temperás moitos poemas agóchanse durante anos entre stories, notas de audio e mensaxes de texto en diferentes apps e redes sociais; poemas ós que ademais, en moitas ocasións, apenas ten acceso, con sorte, un selecto grupo de amizades de quen os escribe”, promovéndose “novos códigos para novas maneiras de entender a poesía, de creala”. Por iso, era necesaria esta antoloxía, un compendio que nos serve para tomarlle o pulso ao que se está cocendo entre as xeracións máis novas, e que mostran que non están estáticos, senón en constante fervedoiro vital e creativo.

O libro que temos entre mans concíbese, ademais, coma un xogo: del forman parte 21 poetas que fan 21 anos ou menos no 2021, ou o que é o mesmo, 21 poetas que naceron a partir do 2000. Persoas moi novas en idade, pero que escriben cunha madurez que me deixa abraiada, voces diversas que falan de múltiples temáticas e que manifestan unha querenza admirable cara ao galego. E este amor cara ao propio emociona, sobre todo a día de hoxe cando se alerta continuamente da sangría de falantes en galego. Eles e elas fannos sentir esperanza e certo alivio ante o futuro.

Atopamos aquí a Zaira Ferradás, Silvia García Fernández, Sara Fonta, Sara Faro, Rosalía Bernárdez Riopedre, Paula Varela, Noé González Alamino, Nee Barros, Mariña Maceiras, Lucas Gago Suarez, Lorena Fernández Iglesias, Lois Gayoso, Juan Rocamonde, Jorge Moral, Isolda Comesaña, Fabián Niño, Clara Blanco, Antía Balvís Moreiras, Ángela del Canto Soláns, Andy Da Fonte e Ana Fraile Somoza. E de que nos falan? As temáticas, como xa indiquei, son múltiples, pois a poesía é un xénero que o permite todo, desde a expresión das propias inquedanzas e a busca da identidade ata preocupacións máis sociais. O amor cara aos demais e cara nós, a perda dos seres queridos, a morte, a admiración ante a beleza do mundo, as angueiras de guindar un berro colectivo e facer que o mundo escache, o medo a medrar, a soidade, a descuberta das primeiras sensacións… como podedes observar, estamos diante dunha antoloxía poliédrica, que se pode ler dende olladas infinitas e tomando como punto de saída moitas circunstancias. Considero, pois, que é unha obra que podería agradar tanto a un lectorado xa avezado na poesía como a mozos e mozas que queiras achegarse a ela dende unha ollada xeracional.

Dende logo, lendo moitos dos poemas escolmados augúrolle un gran futuro á poesía galega, xa que estas voces nacen no momento óptimo e medrarán con boa saúde. Emulando ao gran Xurxo Souto, medre a nosa poesía galega!

Velaí comparto algúns dos versos que máis me chegaron:

“porque as minhas palabras serán

afiadas

metálicas

punzantes

ou non serán”.

De Isolda Comesaña

“e oxalá que os nosos corpos

sexan unha habitación tranquila”

De Jorge Moral

“O rostro da choiva

vive en min,

coma un toxo

engarzado no corazón”.

De Lorena Fernández Iglesias

“Mulleres nacidas no tempo da fame

mulleres de mans de ferro e ollar de escuma

mulleres que fixeron do loito unha trincheira”.

De Sara Faro

“Agora tócame descubrir todo o que eu son, atopar todas

as pezas do meu crebacabezas,

bailarme ata sentirme completa e irremediablemente

miña”.

De Sara Fonta

“Un bico ao ceo,

por min,

en min,

e por sempre para min”.

De Zaira Ferradás

Ficha técnica

Título: 21 poetas do século XXI

Antoloxía a cargo de Carlos Da Aira

Autoría: VVAA

Editorial: Aira

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 200

Foto principal: algúns participantes na presentación do libro no Liceo de Ourense (Aira Editorial).

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.