«Diario dun pirata confinado» de Jamas

Letras e música revolucionaria son as do grupo Dios Ke te Crew, un conxunto de rap galego nacido no 2003 e que conta coa voz de Jamas, artista ambulante nado en Madrid pero residente na Galiza dende hai varios anos e que ten participado en moitos proxectos musicais alternativos. De aí, deses grupos loitadores, provén a semente de Diario dun pirata confinado, un libro escrito a modo de diario durante a pandemia, concretamente entre o 14 de marzo e o 14 de xuño do 2020, e que vén de publicar a editorial Urutau. Segundo el mesmo conta, cada capítulo foi escrito diariamente e en tempo real, e xurdiu de forma “espontánea, case intuitiva”, co compromiso de inmortalizar, dalgún xeito, “esta escura etapa que nos tocou afrontar”. Sobre os obxectivos, Jamas destaca no prólogo que “máis que servir dunha especie de autoaxuda ou disciplinada terapia para capear o cativerio, simplemente foi unha maneira de matar tanto tempo libre, de aproveitar as sestas da miña fermosa Arela para destilar os meus pensamentos sobre o papel, sen vaselina”.

O libro está acompañado dunha presentación a cargo da recoñecida escritora galega Teresa Moure, na que confesa que esta obra nos aprende sobre o exercicio da insolencia e do pensamento crítico necesario, pois “o pirata, é claro, nao é uma ovelha. Desfruta da sua insolência. Reconhece-se aí”. E é que ante o medo, o pirata propón a desobediencia, que se practica en cada un dos capítulos deste libro no que se mesturan a reflexión pausada, o correr dos días e a súa cotiandade, co humor máis negro e a retranca galega. Como lembra o autor nas primeiras follas, “ante a amargura, tolerancia cero. Ninguén nos fará sentir culpables por rir … Como dicía José Martí, se non loitas, polo menos ten a decencia de respectar aos que si o fan”.

O diario é a fórmula que lle serve a Jamas para crear unha obra real e con toques de ficción, construíndo un  libro que nos achega unha análise do que supuxo a Covid-19 para moitas persoas e familias que tiveron que pasar infinitas horas pechadas en pequenos espazos, ao tempo que propón pensamentos e análises interesantes sobre o mundo que deixamos atrás e o que nos vén por diante, ateigados os dous de hipocrisía e de mediocridade. Así e todo, a pesares das reflexións negativas, Diario dun pirata confinado é unha obra na que a esperanza deixa ver a súa face, porque “que mellor desgraza que o cativerio para desfrutar no fogar das túas rapazas; que mellor que un encerro para reflexionar sobre os erros que cometiches por bocazas. Que mellor que ver o vaso medio cheo; que mellor que medrar ante a adversidade; que mellor que tapar media cara se es tan feo; que mellor que soñar polas noites soños de liberdade”.

Encantoume ler este libro, sobre todo porque o autor ofrécenos a oportunidade de escachar a rir coas anécdotas que conta, baseadas naqueles primeiros meses nos que todo parecía de ficción, e nos que unha saída ao supermercado supoñía toda unha odisea. Aí, nesa retranca, é onde atopamos as virtudes deste libro que eclosionou dun tempo complexo para ir máis alá, pois algunhas das análises inciden nas problemáticas do sistema actual e que xa veñen de vello, como o control policial, ou o desmantelamento da sanidade pública.

Ficha técnica

Título: Diario dun pirata confinado

Autor: Jamas

Editorial: Urutau

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 255

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.