«A nena lectora» de Manuel Rivas e Susana Suniaga

Emocióname coñecer que na Fábrica de Tabacos da Coruña, creada en 1808, as cigarreiras escoitaban a lectoras de novelas mentres traballaban. Esta historia aínda moi descoñecida é reivindicada en A nena lectora, un libro destinado ao público infantil no que Manuel Rivas lembra o poder que teñen os soños no mundo e como moitos deles están agochados nas novelas. Coas ilustracións de Susana Suniaga, esta obra é un alegato contra a ignorancia, e nela recóllense as angueiras das persoas que, no século XIX e XX, querían un mundo máis xusto, emancipador, que permitise a todas as persoas gozar de tempo libre e de mellorar as condicións de traballo que, daquela, eran case escravistas.

A nena lectora parte do libro A tribuna, de Emilia Pardo Bazán, no que se conta a vida dunha moza chamada Amparo á que as súas compañeiras lle pagan para que lles lea novelas mentres elas elaboran os cigarros. E así Nonó, a protagonista deste libro de Rivas soña con que o seu oficio fose ese mesmo, e por iso comeza a contarlles a esas mulleres a historia de Oliver Twist que sabe de memoria porque xa lla lera moitas veces á súa nai durante a enfermidade.

A obra que temos entre mans é unha reivindicación do coñecemento, da memoria que debemos ter en conta sempre, da aprendizaxe, e dos soños contidos en libros. De feito, ao longo das corenta páxinas, atopamos sempre libros soltos, follas de papel e alusións directas a este mundo que o autor lembra nesta historia que, por certo, é tamén moi feminista.

A nena lectora, pertencente á colección de Xerais “Pequena memoria” dirixida por Eva Mejuto, contén tamén ao comezo e ao final unha serie de fotografías da Fábrica de Tabacos da Coruña e das súas traballadoras, que foron cedidas por Luís Alonso, Tino Fraga e Ana Romero; ás que habería que engadir as imaxes das gardas de fin que pertencen a libros como A memoria da Coruña. Álbum de postais, e Os galegos pintados por si mesmos. A muller tradicional. Precisamente esta combinación entre os textos, as ilustracións e as imaxes históricas é a que nos permite aprender sobre este período histórico, sobre as loitas das mulleres que traballaban nestas fábricas, e tamén de como o coñecemento nos salva. Porque, como se di ao final, “son moitas as iniciativas populares nese laborioso tecer das luces contra as tebras”, e temos que coñecer a nosa historia para saber cara onde camiñar.

Parabéns a Xerais por esta colección tan necesaria e que lembra o que nunca debemos esquecer!

Ficha técnica

Título: A nena lectora

Autor: Manuel Rivas

Ilustracións: Susana Suniaga

Editorial: Xerais

Ano de publicación: 2021

Número de páxinas: 40

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.