“Exercer o meu dereito inapelable a soñar”.
Coma nunha estraña e fermosa confabulación, este verso de Teresa Ríos, sacado do seu poemario Non estamos preparados para medrar fica na miña memoria nestes días nos que, novamente, recalo en Frida Kahlo e nesa conversa co seu pai na que a pintora lle pide que lle lembre que quería ser, e el respóndelle que quería ser ela mesma. Eu, que adoito observar a beleza nas vivencias máis cotiás, penso na maxia de atopar estas dúas reflexións nos días que ameazan coa grisura.
Dende sempre sentín que o pasado me afogaba, que o meu corpo ás veces non era quen de avanzar porque as miñas costas soportaban / cargaban cun gran peso. O “tempus fugit” ou esa idea de que todo tempo pasado foi mellor, teimaban en ancorarme ao pasado, en non querer medrar, porque tampouco estaba preparada. E acaso, pregúntome, algunha vez o estamos? Ou finximos nun camiño cara adiante sen apenas deixar espazo ao pensamento?
O libro de Teresa Ríos trasládanos a ese momento exacto no que deixamos de ser nenas para, de súpeto, estar xa no mundo dos adultos.
“No parque unha nena
xoga cun globo
percórreo coa frescura
da inocencia.
Nun intre, un estalo
remata cun engurrado vulto no chan
pendurado dun feble fío
á súa man.
A súa cara amosa o debuxo da perda
na antesala da bágoa
non estamos preparados
para medrar”.
O período entre a adolescencia e a idade adulta eríxese coma un dos grandes temas, e son moitos os exemplos que atopamos no campo da narrativa e no poético sobre esta etapa na que as persoas parecen dividirse en dous mundos: o da inocencia, e o das envexas e a maldade. Aí, nesa confluencia, é onde situamos os versos de Non estamos preparados para medrar, que se constrúen coma estampas, coma observacións do cotián e coma poesía combativa. Teresa Ríos sobresae pola súa voz loitadora, con reflexións que nos axudan a tomar conciencia do mundo e das inxustizas e a actuar; pois aínda que teimen en deixarnos caladas, sempre haberá quen nos incite a non agocharnos.
“Dende cativa
quixen emular
a xente que fai coleccións …”
A poesía de Teresa Ríos condensa o terreo das emocións e sentimentos cos das loitas e supervivencia cotiás, con esas batallas que aínda temos que librar, como a das violencias machistas e os ataques á diversidade.
Ficha técnica

Título: Non estamos preparados para medrar
Autor: Teresa Ríos
Editorial: Urutau
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 82