O mar maniféstase na literatura de múltiplas formas, pero todas se poden resumir en dúas: o mar como inspiración e como beleza ante a que a voz creadora se rende na busca de palabras que o expliquen; e o mar como reivindicación, esa causa e consecuencia dunha forma de vida de duro traballo e con esa idea de que ‘o mar dáche moito pero tamén che quita moito”, frase abondo repetida polas persoas que habitan os lugares da costa.
A poesía, que expresa sentimentos, emocións e analiza o mundo, achégase ao mar dende esta dupla ollada, e na actualidade atopamos na Galiza moitas poetas que fan do mar o xerme das súas creacións, desas palabras con salitre.
O mar é un dos moitos elementos que unen Galiza con Irlanda, unha relación que vén de moi lonxe, tal e como demostra a Canción de Amergin, e a Invocación de Irlanda, poemas fundacionais da cultura irlandesa, que explican dalgunha maneira a importancia das expedicións marítimas e dos primitivos contactos entre os pobos costeiros, a verdadeira orixe da civilización. E é que sen o Atlántico, nin Galiza nin Irlanda poderían entenderse. E precisamente desas sinerxias naceu o libro Fisterras Atlánticas, Finisterres Atlánticos, Atlantic Finisterre (Medulia, 2020), unha antoloxía de poemas en versións galega, castelán e irlandesa, na que atopamos poetas contemporáneos dos dous lugares que continúan a antiga e prolífica conversación entre os dous territorios. Coordinada por Antonio Raúl de Toro Santos e José Miguel Alonso Giráldez, esta publicación recolle creacións de Marilar Aleixandre, Vicente Araguas, Xulio L. Valcárcel, Xavier Seoane, Chus Pato, Francisco Xosé Fernández Naval, Manuel Rivas, Alexandre Nerium, X.H. Rivadulla Corcón, Francisco Souto, Miro Millar, Dores Tembrás, Pearse Hutchinson, Richard Murphy, Thomas Kinsella, Brendan Kennelly, Theo Dorgan, Mary O’Malley, ou Keith Payne, entre outros.
A antoloxía nace despois de que os coordinadores realizasen múltiples viaxes ao longo dunha década a Irlanda, onde se atopa unha das mellores poesías e, ao mesmo tempo, unha maxia similar á galega, que se entende sobre todo pola presenza do océano Atlántico que tanto marca a estes dous espazos. O libro pretende, pois, ser unha recompilación de poetas contemporáneos de Galicia e Irlanda que continúan coa antiga e prolífica conversación entre dous territorios, e tamén podemos observar certos paralelismos, como esa unión entre a costa oeste de Irlanda e a Costa da Morte galega, sometidas aos ventos e tormentas do océano, á dificultade do clima e da contorna e, a pesar diso, posuidoras dunha beleza abafadora, tal e como recoñecen os coordinadores no limiar desta edición fermosa e necesaria, na que agroman sentimentos universais e na que a natureza inspira os versos máis potentes.
Geraldine Mitchell pregunta “Que estamos a buscar / cando contemplamos / o mar?”. E precisamente esta antoloxía concíbese coma unha busca, unha análise do mar e de como inflúe nas persoas. Quizais se nos achegamos a ela descubriremos moito de nós nestes poetas galegos e irlandeses, que collen a paisaxe como eixe vertebrador das súas creacións.
Ficha técnica

Título: Fisterras Atlánticas (edición en galego, castelán e inglés
Coordinación: Antonio Raúl de Toro Santos e José Miguel Alonso Giráldez
VVAA
Editorial: Medulia
Ano de publicación: 2020
Número de páxinas: 252