“Ao encontrárense os seus ollos cada vez, e a forza de el cavilar nesas cousas, foi xurdindo un sentimento de familiaridade coa muller da xanela até que, ao cabo de dúas semanas, unha noitiña, tirou inconscientemente a gorra e saudouna. O rostro pálido da muller tinxiuse de vermello e o seu xesto tristeiro transformouse nun espléndido sorriso. Desde entón, Okada sempre a saudaba ao pasar”.
Escrita entre 1911 e 1913 e publicada inicialmente por entregas, O ganso salvaxe é a obra máis recoñecida de Mori Ogai, un dos autores xaponeses máis valorados da creación literaria moderna. Traducida agora ao galego da man de Gabriel Álvarez Martínez e publicada en Irmás Cartoné, a novela contén un estilo moi persoal, unha mesurada contención lírica e un coidado pola humanidade dos seus personaxes. Precisamente, aquí destaca máis o que non se di que o que se di, pois ten moita importancia a observación, nun mundo abafado polas convencións sociais e pola pobreza. E é que a historia de Otama, unha moza humilde que coida ao seu pai mentres exerce de concubina dun bedel convertido en usureiro, e a de Okada, un estudante de medicina que pasea pola contorna da vivenda da outra, é suxestiva, mais tamén resulta imposible nun mundo no que as clases sociais vivían moitísimo máis separadas que hogano.
As persoas lectoras que nos achegamos ao libro sentimos unha sorte de atracción polo que se conta, e tamén por eses espazos en branco que cómpre completar nas nosas mentes. Ademais, a historia transcende máis alá e contraponse ao mundo actual, asolagado e saturado de imaxes e sen tempo case para deixar voar a imaxinación. Pois ben, O ganso salvaxe reivindícase coma un lugar para que florezan os sentimentos máis sinceros, a humanidade e eses momentos previos ao namoramento nos que existe certo misterio que desvelar.
Mais non pensedes que esta é unha novela de amor. Non. O ganso salvaxe esixe o noso compromiso como lectora para encher ocos, para que imaxinemos o que puido pasar nos intres que non se narran explicitamente, e para evocar o que puido ou non puido ser. E neste sentido, creo que nada hai máis afastado das novelas románticas.
“Víase sometida a persecución pese a que ela non lle fixera mal a ninguén. Iso era o que lle doía. A rabia era esa dor. Berrara de rabia pola primeira vez cando se decatara de que fora enganada e abandonada polo policía. Volvera berrar había pouco, cando se vira forzada a exercer de concubina e deixarse manter”.
Ficha técnica

Título: O ganso salvaxe
Autor: Mori Ogai
Tradutor: Gabriel Álvarez Martínez
Editorial: Irmás Cartoné
Ano de publicación: 2021
Número de páxinas: 169