«Tempo Tardade» de Raquel Miragaia

Raquel Miragaia, autora de "Tempo Tardade"

Precisamos un achegamento ao mundo rural afastado de tópicos e de visións idealizadas. Esta idea, defendida na actualidade por activistas como María Sánchez, atopámola na novela Tempo Tardade, de Raquel Miragaia, un libro que a min me tocou fondo, tanto pola historia como pola forma na que está contada, cunha voz moi novidosa e que me lembra moito á de Susana Sanches Arins.

“Com aquela satisfaçao liguei a TV e a cozinha encheu-se de ruído, de sons de vozes, música… um barulho que nao combinava com a casa nem com o tempo. Tive o impulso de chorar. Pela primeira vez desde a morte da mae tive o impulso de chorar. Pelas ausências, pela nostalgia, por mim e pelo meu crescimento que nao acabava de coalhar”.

Tempo Tardade é o relato dese momento no que a vida que crías firme se trunca e debes volver comezar de novo. Así lle acontece a Branca, unha muller que tras a morte da súa nai volta á casa da infancia para atoparse coas lembranzas e os segredos da familia agochados durante moito tempo nas gabetas dos armarios. Ela, que tiña un traballo ben considerado socialmente, regresa a un lugar que ela habitou pero que lle é alleo, un espazo no que se topa cunhas cartas que lle contan unha historia da familia que ela descoñecía. O relato está construído coma una mestura entre as vivencias do día a día de Branca nesa casa dun lugar do rural, e as cartas do seu tío Serafim dende a emigración, unhas misivas que se estenden dende o 1939, ano de inicio da ditadura franquista na España e se estenden ata os 60, cando se vía máis preto a democracia. Entre estes dous universos, Miragaia crea unha historia moi potente na que reivindica un rural vivo e digno, habitado por persoas que puxaron dende sempre pola supervivencia, por manter as tradicións e por ofrecernos un mundo mellor aos que seguimos; e na que tamén ocupa un espazo importante a memoria individual e colectiva, que se pode analizar a través das cartas que estiveron tanto tempo agochadas e das que a protagonista non escoitara falar antes. Neste sentido, Tempo Tardade relaciónase moi intimamente co Seique, de Sanches Arins, pois ambas son exercicios necesarios sobre eses tempos escuros, sobre os verdugos e sobre as vítimas que foron silenciadas ficando no esquecemento.

Intrigada polo título, busquei na Internet o seu significado e foi fermoso topar un vídeo no que a propia autora explica que Tardade é o nome da aldea na que naceu, sita no norte de Lugo, e na que o poético está moi presente: polo tarde que chegan as cousas alí, pero tamén coma unha forma de vivir o tempo máis sosegada e pausada.

“Olhando as minhas maos, após aqueles meses, percebi o porquê de nunca poder ter tido uma visao romântica do campo. O campo, a aldeia, além do silêncio reparador e do canto dos passarinhos, eram as maos secas e gretadas de meu pai, as maos cheias de frieiras de minha mae e, também, as minhas maos tocas, sem manicure nem unhas pintadas”.

Este libro significou unha enormísima descuberta para min, que ultimamente vivo obsesionada por ler e comprender o mundo rural e as xentes que o habitamos. Quizais porque nacín nunha aldea considero que necesitamos máis historias así, libres, e con olladas sinceras. Adorei a prosa do libro, moi próxima ao ámbito poético, e as mensaxes que a autora nos deixa, ateigadas de moitísimo cariño e respecto.

Ficha técnica

Título: Tempo Tardade

Autora: Raquel Miragaia

Editorial: Através

Ano de publicación: 2020

Número de páxinas: 160

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.