«A Nosa Negra» de Harriet E. Wilson

Harriet E. Wilson, autora da obra autobiográfica "A nosa Negra"

“A necesidade é unha filósofa e unha predicadora moito máis poderosa”.

Dende hai uns meses atópome inmersa nun curso sobre as escritoras nativoamericanas, un universo que recoñezo que me era moi descoñecido e no que estou aprendendo moitísimo sobre as olladas que faltan e esa parte da historia que, como adoita acontecer, nos contaron dende o punto de vista patriarcal, cunha ausencia evidente das mulleres, condenadas ao ostracismo. Nese exercicio de busca de novas lecturas que amplíen os meus horizontes, topeime con A nosa Negra, de Harriet E. Wilson, unha obra publicada orixinalmente en 1859 e considerada unha das primeiras novelas da literatura estadounidense escrita por unha afroamericana.

Podo ler este libro en galego grazas á marabillosa tradución realizada pola escritora María Reimóndez e a aposta de Hugin e Munin, e a verdade é que me sinto ata emocionada. Como sempre me di María, precisamos contar con máis testemuños deste estilo na nosa lingua e con libros escritos dende as marxes que nos axuden a xerar maior empatía e a comprender mellor o mundo que habitamos. Non podo estar máis de acordo, e por iso A nosa Negra constitúe un libro a ter moi en conta, quizais porque é considerado un fito e porque fala da escravitude e do racismo nun tempo no que aínda poucos ousaban facelo.

Atopamos aquí a Frado, descrita coma “unha fermosa mestiza de cabelo negro, longo e rizado, de vivos ollos falcatrueiros que escintilaban cunha exuberancia interior case sen paraxe”, quen aos sete anos é abandonada polos seus pais e obrigada a servir aos Bellmont, onde pronto pasa a ser nomeada como “Negra”, pasando o seu nome a un segundo plano e sendo relegada a súa identidade persoal. A través dela, e das súas vivencias, as lectoras imos reflexionando sobre certas ideas como a escravitude ou a relixión. Neste sentido, chama a atención que, por exemplo, durante aquel tempo, a sociedade adoitaba ver as persoas negras como seres sen sentido de abstracción e, polo tanto, carentes de pensamento. Así, dise nun momento:

“A señora Bellmont dubidaba da utilidade de tentar educar a xente de cor, pois consideraba imposible que se endereitasen”.

Así e todo, e a pesar dos impedimentos, Frado comeza a crer na relixión, a reflexionar sobre a existencia dun deus para as persoas negras, e incluso coñece as virtudes da lectura e da educación cando, xa cara ao final da breve narración, se deixa levar por este exercicio:

«Experta coa agulla, Frado axiña igualou a súa instrutora e buscou ensinarlle o valor dos libros útiles; mentres unha lle lía en alto á outra os feitos históricos e nomes famosos, Frado experimentou un novo impulso. Sentiuse digna de cultura, sentiu que a información dos libros cubría unha insatisfacción indefinida que sentira dende había moito, pero que non podía expresar. Puxo bo coidado en destinar cada momento de lecer ao seu desenvolvemento persoal…»

É hora, pois, de que se coñezan obras coma estas, nas que as mulleres negras toman a palabra para denunciar o racismo e o machismo, obras nas que por fin coñezamos a outra parte da historia, agochada porque aos poderes capitalistas non lle interesa.

Ficha técnica

Título: A nosa Negra

Autora: Harriet E. Wilson

Tradución: María Reimóndez

Ano de publicación: 2021

Editorial: Hugin e Munin

Número de páxinas: 121

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.