Semana da Tradución // Entrevista Antía Veres Gesto: “Cada vez melloran máis os motores de tradución automática, pero iso non pode substituír unha persoa que capta ironías e traslada xogos de palabras”

A tradutora galega Antía Veres Gesto

Antía Veres Gesto ten colleitado dous premios á súa labor de tradutora: o Plácido Castro, pola súa versión ao galego de Unha muller perdida de Willa Cather, e o I Premio Realia, por Detrás da máscara, de Louisa May Alcott. Nada no concello de Guitiriz en 1990, Veres Gesto licenciouse en 2013 en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, na especialidade de inglés – galego, e no seu currículo xa conta cunha boa dose de obras traducidas ao galego, como Un amante fantasma, de Vernon Lee (Editorial Hugin e Munin, 2015),  A orde do día, de Éric Vuillard (Faktoría K, 2018), ou O inimigo coñece o sistema, de Marta Peirano (Kalandraka, 2019).

Conversamos con ela nesta Semana da Tradución arredor deste oficio, de como chegou a el e do seu futuro.

Pregunta (P): Como te fixeches tradutora?

Pois non foi para nada premeditado. Eu quería estudar música e, como despois de acabar o bacharelato aínda me quedaba un curso para acabar o Grao Medio do conservatorio, decidín combinalo durante un ano cunha carreira. Os idiomas sempre me gustaron e unha profesora do instituto faloume da carreira de Tradución e Interpretación. E así foi. Probeino, engaioloume iso de xogar coas palabras e viraron as tornas do que pensei que serían os meus estudos: acabei deixando a música e centrándome na tradución, primeiro na universidade e logo profesionalmente.

(P): Pódese vivir da tradución na Galiza? E En España?

Pódese, aínda que cómpre dicir que hai moitas disparidades canto á remuneración en función do sector ao que te dediques e, sobre todo, do concienciada que estea a túa clientela acerca da importancia que ten a comunicación e a contratación dun servizo de tradución de calidade. Así, podemos atopar tradutoras con salarios moi dignos e outras ás que lles custa máis chegar a fin de mes. Isto tamén se notou moito na pandemia que estamos atravesando: en función do sector no que estea especializada cada profesional, atopámonos, por unha banda, con situacións de baixadas tremendas ou totais da carga de traballo e, pola outra, con casos nos que o volume se viu mesmo incrementado.

A situación é, en xeral, con pandemia ou sen ela, bastante precaria no eido da tradución literaria. Xa sabemos que neste noso país, por desgraza, o sector da cultura vai moi por detrás doutros moitos, e iso tamén o notamos, por suposto, as tradutoras que tratamos de centrarnos na literatura para gañar a vida. E digo «tratar» porque é dificilísimo dedicarse de xeito exclusivo a este tipo de tradución. Eu, por exemplo, véxome na obriga de combinalo con outros tipos de tradución mellor pagados. A tradución literaria non é unha escolla lucrativa, senón máis ben unha elección por principios, por querer axudar unha miguiña a eliminar as barreiras que se lle impoñen ao galego e por gana de mergullarme no enriquecedor mundo da cultura.


«O sector editorial galego ten, no plano da tradución, moitas eivas que salvar e encóntrase por detrás doutros sistemas que, malia que pasaron por situacións semellantes á nosa, gozaron dunhas políticas que souberon protexelos mellor».

(P): O ano pasado xurdiu una iniciativa no estado español baixo o lema #CitaAlTraductor, que pretendía dar visibilidade ao traballo das tradutoras e tradutores. Cres que a sociedade é consciente do voso labor e da súa necesidade?

Penso que aínda queda moito por facer para sacar o noso labor á luz, pero xa se ven moitos pequenos detalles que empezan a levarnos a un primeiro plano. As editoras coas que adoito traballar, por exemplo, destacan sempre o nome das tradutoras e os tradutores na promoción das obras traducidas e nas propias portadas e anteportadas dos libros, en lugar de deixarnos nun recunchiño agochado na páxina dos créditos, que o lectorado non adoita consultar. Nós mesmas, a través da ferramenta das redes sociais, descubrímoslle á xente a nosa profesión e expoñemos os nosos traballos directamente. A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), da que son socia, tamén lanza interesantes iniciativas para visibilizar o noso traballo. Por exemplo, para celebrar o Día do Libro deste ano, en plena corentena pola COVID-19, propuxo o cancelo #NaCasaCoaTradutora para que as persoas compartisen as lecturas que as acompañaban no confinamento e, o máis importante, para que presentasen o tradutor ou tradutora que fixera posible esa obra en galego. Entrevistas coma esta mesma tamén contribúen a achegarlle a nosa solitaria profesión ao mundo.

Porén, fronte a estas iniciativas, tamén cómpre dicir que segue habendo demasiada xente que non se decata da importancia da nosa profesión. Hai quen cre que, coa chegada dos tradutores automáticos, o noso traballo é realmente inútil e que investir en tradución é unha parvada. Pero o bo diso é que nin fai falla argumentar a importancia dunha tradución ben feita: abonda con deixar que alguén pasee un pouquiño por internet ou polas cartas «multilingües» dalgúns restaurantes para que se atope con auténticas barbaridades lingüísticas froito dunha tradución automática, as cales enseguida convencerán a quen sexa de que unha boa tradución é imprescindible para unha comunicación sen atrancos. Coas palabras describimos o mundo, as experiencias, os avances e as ideoloxías, e por iso son fundamentais en todos os eidos da nosa vida, tanto no empresarial coma no gobernamental, o científico, o xurídico, o económico, o filosófico ou o artístico.

(P): Que podemos facer dende a sociedade para axudar na visibilización?

No plano da literatura, por exemplo, sempre que collamos un libro para ler, deberiamos analizar conscientemente se a autora ou o autor desa obra fala na nosa lingua ou se, pola contra, hai alguén detrás da posibilidade de acceder a esa lectura concreta no idioma propio e, neste último caso, podemos mencionar tamén o seu nome á hora de recomendarmos o título nas redes sociais ou de escribirmos unha recensión.

(P): Como afrontas a tradución dun libro? En que momento comeza o teu traballo?

Sobre todo, con agarimo. É moi importante levarte ben co libro, porque vas compartir moitas horas con el e, así, o mellor é que non haxa malas sensacións. Nese sentido, teño que dicir que ata agora tiven moita sorte, porque, quitadas algunhas desesperacións momentáneas, sempre tiven moi boa relación con eles.

A tradución dun libro pode comezar de dúas maneiras, en función de se é a editora a que che presenta unha proposta, como ocorre a maioría das veces, ou se es ti, como tradutora, a que presenta unha proposta de tradución. Neste último caso, o interesante é analizar que título pode encaixar ben no sistema editorial galego. Debido aos anos de represión lingüística e á falta de políticas máis firmes e amplas que apoien o sector editorial, falta moito por traducir ao galego, moitos títulos que outras linguas dos nosos arredores xa teñen traducidas dende hai moito tempo. Por iso, hai moito onde escoller, moito que verter á nosa lingua, moito traballo por facer, tanto de literatura clásica coma actual. Unha vez realizada a escolla ou recibida a proposta editorial, o primeiro é a contextualización da obra e da autoría, isto é, a fase de documentación, na que tratas de empaparte de toda a información necesaria para poñerte en situación antes de comezar a traducir. Así e todo, cando de verdade te familiarizas coa linguaxe e co estilo da obra en cuestión é durante a fase de tradución propiamente dita.

«No plano da literatura, sempre que collamos un libro para ler, deberiamos analizar conscientemente se a autora ou o autor desa obra fala na nosa lingua ou se, pola contra, hai alguén detrás da posibilidade de acceder a esa lectura concreta no idioma propio».

(P): Que libro che gustou máis traducir?

É difícil escoller: cada libro é un mundo, con todos aprendes e todos eles che achegan retos e estímulos diferentes. Iso é o que máis me gusta da miña profesión: un día estás aprendendo sobre a historia de internet, outro sobre entomoloxía, outro sobre os principios do funcionamento dunha arma de fogo e outro sobre os cantos das baleas. Cada libro namórate e acompáñate durante uns meses nos que te enfrascas nunha historia ou nunha temática. Así e todo, se teño que escoller creo que diría un libro que está a piques de saír ás librarías: A grande orquestra animal, de Bernie Krause. Sons, natureza e palabras, tres das miñas grandes paixóns nun só libro!

(P): Algunha vez afrontaches unha experiencia como tradutora que non che prestase?

Como dicía antes, trato de establecer unha boa relación cos libros que traduzo dende o primeiro momento. Coma coas relacións persoais, hai algúns cos que tes maior afinidade e outros cos que menos, pero en xeral os títulos que me propuxeron ata agora foron do meu gusto.

(P): O ano pasado recibiches o XVIII Premio Plácido Castro de Tradución pola versión ao galego de Unha muller perdida de Willa Cather. Que supuxo este galardón na túa traxectoria? Que destacas desta novela?

Persoal e profesionalmente, foi unha bomba. Animeime a participar porque tiña unhas cantas obras traducidas que podía presentar, pero cando me chamaron para darme a nova non daba creto. É o premio galego de tradución literaria máis destacado, así que xa podes supoñer a honra que é que cho concedan, sobre todo se tes unha andaina profesional tan curta coma a miña, que comezou no ano 2013.

O libro é unha breve novela que traducín a proposta da editorial Hugin e Munin. Nela, descríbese cun enorme realismo a vida na fronteira estadounidense, isto é, o desenvolvemento do Vello Oeste nas Grandes Planicies. Unha das cousas que máis interesante me pareceu é como queda plasmado o nacemento histórico da nova muller a través da protagonista, que ten uns ideais máis independentes e abertos, e como esta figura contrasta e choca coas ataduras da sociedade machista tradicional, que queda representada na voz do rapaz a través de cuxa óptica se narra a historia.

(P): Non é o único premio que recibiches, pois no 2017 facíaste co I Premio Realia de Tradución pola versión en galego de Detrás da máscara, de Louisa May Alcott. Lembras esa experiencia?

Por suposto! Foi tamén moi importante para min dende o punto de vista profesional, pois acababa de comezar no mundo da tradución literaria e este galardón serviume para asentarme e comezar a recibir máis volume de traballo. Desta volta, escollín eu mesma o título para presentar a súa tradución directamente a este premio, en busca de abrirme camiño e de atopar novas oportunidades. É unha obra da autora da famosa novela Little Women (Mulleriñas), Louisa May Alcott. Nela, tamén se relata a historia dunha muller independente e determinada a tomar as mellores decisións para ela mesma, rompendo así co estereotipo de muller submisa da época.

(P): Moitos profesionais da tradución destacan sempre que deben estar ao día de todos os cambios das linguas e ler moito. Que consellos lle darías a unha persoa que se quere dedicar a isto da tradución?

Concordo completamente con esas dúas recomendacións, polo que explicaba antes de que cada día nos trae un tema diferente sobre o cal traducir e temos que tratar de estar ao día de todo. Non obstante, como iso é totalmente imposible, engado eu unha recomendación: aprender a buscar recursos e adquirir técnicas de documentación para saber como procurar información fiable e desbotar as falsas noticias entre o mar de datos que nos achega internet. Outra boa recomendación da que eu tiven que botar man é a de cargarse de constancia e tenacidade para enfrontarse a un mundo no que pode ser difícil dar os primeiros pasos. E, sobre todo, ter unha curiosidade inesgotable.

«A situación é, en xeral, con pandemia ou sen ela, bastante precaria no eido da tradución literaria».

(P): A que persoas do mundo literario e da tradución admiras?

É difícil escoller coa interminable lista de artistas e profesionais que temos ao noso dispor. Penso que o fascinante do mundo literario é, precisamente, a diversidade que temos a día de hoxe ao noso alcance, que nos achega a historias de noso e de todos os demais recantos do planeta, e á que podemos acceder tanto a través de versións orixinais coma traducidas. Así e todo, gustaríame facer un oco para lembrar a Manuel María e a Agustín Fernández Paz, dúas voces da miña terra que nos acompañaron a tantas nenas e nenos chairegos durante a nosa infancia, e tamén para reivindicar a importancia da literatura infantil e xuvenil, que é precisamente a que crea lectoras e lectores adultos.

Canto ao mundo da tradución, hai moita xente a quen admirar e da que aprender, tanto persoas coas que teño a sorte de colaborar coma profesionais a cuxo traballo podo acceder a través dunha agradable lectura. Gústame consumir literatura traducida e ver as solucións ás que chegaron outras compañeiras, pois aí fóra hai auténticas mestras das palabras, con máis e menos anos de experiencia, das que dá gusto nutrirse e ir alimentando as túas propias estratexias como tradutora, ao mesmo tempo que gozas dunha lectura de calidade.

(P): Na actualidade, a industria editorial galega destaca por traer obras clásicas e contemporáneas do mundo á nosa lingua. Como ves o sistema editorial galego? Que obra botas en falta nos catálogos?

Como explicaba antes, o sector editorial galego ten, no plano da tradución, moitas eivas que salvar e encóntrase por detrás doutros sistemas que, malia que pasaron por situacións semellantes á nosa, gozaron dunhas políticas que souberon protexelos mellor e impulsalos en maior medida. Falta moita literatura clásica por traducir, pero tampouco podemos pechar a fronte da literatura contemporánea, pois é imprescindible estarmos ao día e garantirmos o dereito do lectorado galego a acceder á súa literatura favorita na súa lingua, independentemente de cando se escribise, sen ter que recorrer á forza a traducións a outros idiomas. Así mesmo, temos que traballar por traer unha escolla da literatura universal dun número de linguas cada vez maior e de distintos formatos e xéneros (novela, poesía, teatro, ensaio, banda deseñada, álbum ilustrado…). Hai moito por facer e moitísimas obras por traer ao noso idioma, e o preocupante é que non se apliquen maiores incentivos para a lectura en galego e para a industria editorial. Porén, tamén cómpre lembrar todas esas iniciativas e pequenas editoriais, algunhas delas especializadas en tradución, que traballan con forza para tratar de mellorar o sistema galego con literatura de calidade na nosa lingua.

(P): Como ves o futuro da profesión de tradutora?

A tradución en xeral é unha profesión imprescindible, e máis ca nunca no mundo globalizado no que vivimos. Certo é que cada vez máis xente fala inglés como lingua franca, pero iso non substituirá a comunicación na lingua propia. Cada vez melloran máis os motores de tradución automática, pero iso non pode substituír unha persoa de carne e óso que capta ironías, traslada xogos de palabras, coñece o contexto histórico e cultural da lingua de orixe e da lingua meta, e sabe adaptar un texto ao seu lectorado. Nese sentido, son optimista. Pero tamén penso que é importante seguir visibilizando a nosa profesión e concienciando a xente da importancia de contar con profesionais para lograr unha comunicación óptima, pois ese será o único xeito de que todas e todos poidamos ter unhas condicións dignas no noso traballo.

A cousa cambia se falamos en concreto da tradución literaria, pois, coa inevitable crise na que nos estamos somerxendo, tamén será inevitable que, como membros do sector cultural, o grande esquecido neste tipo de circunstancias, o noso labor non se vexa afectado nalgunha medida. Oxalá me equivoque!

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.