Semana da Tradución // Entrevista Isaac Xubín: “Quen realmente está a dinamitar a cultura é quen non está disposto a ofrecerche unha tarifa digna ou aquel que te chama para que recites de balde”

Isaac Xubín, autor e tradutor galego

As linguas e a creación xúntanse de forma marabillosa na persoa de Isaac Xubín, poeta, narrador e tradutor galego, que destaca por ser o autor do Dicionario galego – euskara. Nado no 1978, pasou a súa infancia a cabalo entre Espinosa de los Monteros, Astorga, Xixón, A Coruña e Pontevedra, e xa na idade adulta garda unha forte vinculación co País Vasco e Irlanda, onde realizou experiencias relacionadas coas linguas.

Xubín é autor de libros de poesía como A cadencia da fractura ou Xenealoxía dun intruso, e de narrativa, con títulos como Non hai outro camiño ou Os largos e longos campos de liño azul. Amais diso, ten no seu currículo as traducións ao galego de As miñas nanas negras, de Amalia Lú Posso Figueroa, Bechopoemas e outras bestas, de Leire Bilbao, Físico, de Andrew McMillan, ou eSPedición, de Juanra Madariaga.

Nesta Semana da Tradución, conversamos con el arredor desta profesión e dos retos que ten por diante.

Pregunta (P): Como te fixeches tradutor?

Convertinme en tradutor de literatura por casualidade. A miña única intención ao marchar ao País Vasco era, dalgún xeito que agora non sabería explicar xa, completar a miña formación académica e vivir no ambiente dunha lingua que non fose románica, algo que fose o oposto a estudar unha lingua coma o galego que ten o abraiante paraugas do latín por riba dela. Foi co paso do tempo, e creo que grazas á miña faceta como creador, que me convertín en tradutor.

(P): Pódese vivir da tradución na Galiza? E En España?

Non son a mellor persoa para responder a esta pregunta, o meu traballo neste eido, salvo algunhas incursións noutras linguas, redúcese á tradución dende a literatura vasca. O que si podo asegurar, no que atinxe ao meu traballo, é que malia que poida parecer o máis normal a posta en valor da tradución directa, non todos os editores valoran do mesmo xeito esta calidade. Quero deixar claro, pola contra, que tamén hai editores que me ofrecen unha tarifa que dignifica a miña ocupación, a cultura e, de xeito indirecto, a nosa lingua, son estas persoas as que fan viable unha Galicia en galego.

(P): O ano pasado xurdiu una iniciativa no estado español baixo o lema #CitaAlTraductor, que pretendía dar visibilidade ao traballo das tradutoras e tradutores. Cres que a sociedade é consciente do voso labor e da súa necesidade?

Creo que, como en calquera outra profesión, somos os propios traballadores aqueles que deberíamos facer visibles o noso traballo e as nosas condicións laborais. Quen ten un verdadeiro compromiso coa súa paixón, quen tenta saír adiante e, ao tempo, ter a posibilidade de seguir creando debe tamén sinalar os verdadeiros culpables dunha situación, a da cultura en galego, que leva demasiado tempo nunha situación moi precaria. Semella que calquera crítica ao sistema é unha traizón e creo que esta actitude fomenta uns hábitos que a longo prazo son pésimos e que, de feito, nos levan ao lugar onde estamos: o rei está espido e ninguén o di, por militancia. É doado botarlle a culpa á administración pero quen realmente está a dinamitar a cultura é quen non está disposto a ofrecerche unha tarifa digna por unha tradución, aquel que te chama para que recites de balde, etc.

(P): Que podemos facer dende a sociedade para axudar na visibilización?

Non creo que se poida facer nada máis efectivo que non sexa ler, creo que cantos máis lectores haxa, máis san estará o sistema e mellor funcionará para todos, tamén para os tradutores. Temos que darlle vida á cultura galega pero facelo con espírito crítico porque outro mal do que adoecemos é a compracencia, semella que calquera artefacto artístico en galego xa é bo polo feito de ser en galego, e iso non é así, se queremos ser atractivos e ter futuro temos que apostar pola calidade.

(P): Como afrontas a tradución dun libro? En que momento comeza o teu traballo?

Polo xeral comeza cando un editor me ofrece un proxecto. Ás veces son eu quen ofrezo a idea de traducir un libro concreto que, en poucas ocasións e grazas á confianza de editores resoltos, viron a luz en galego. Por desgraza algúns editores só confían na aprobación da metrópole e até que non ven a crítica nun suplemento cultural de Madrid non confían na viabilidade dunha obra.

(P): Que libro che gustou máis traducir?

Polas razóns devanditas direi tres: A boca pobre, eSPedición e Físico. Son tres libros que foron traducidos ao galego por motivos relacionados coa calidade dos textos e dos seus autores e non porque pasaran previamente polo visto bo de Madrid. Son textos, ademais, que me permitiron traballar cuns editores aos que admiro, se Galicia ten futuro é grazas á paixón de xente que ademais de ser afouta é moi competente no seu traballo.

«Direi que as editoriais galegas que se dedican á tradución son do mellor que hai. Se queres ter unha boa lectura abonda con ir a unha libraría e escoller un libro dos que publican».

(P): Algunha vez afrontaches unha experiencia como tradutor que non che prestase?

Cando acaba todo proceso e tes o libro nas mans desaparecen as malas sensacións e malas experiencias. Nalgún caso tiven que negociar unha tarifa que fose, cando menos, digna… e sufrín as consecuencias a posteriori. É o que ten protestar e moverte, non saes na foto.

(P): Elaboraches un dicionario bilingüe galego – éuscaro e foches lector de lingua e cultura galegas na Universidade Nacional de lrlanda. Podes falarnos destas dúas experiencias?

Vivir en Irlanda despois de facelo no País Vasco foi verdadeiramente revelador. A República de Irlanda é un estado e, malia contar con toda a maquinaria da que podería botar man para mellorar a situación da lingua propia, o gaélico irlandés é unha lingua practicamente morta e, xa que logo, tamén a cultura que se desenvolve en gaélico. O éuscaro, malia as pexas que orixina o feito de resistir baixo o Reino de España e a República Francesa, non só gaña falantes, é o cerne dunha cultura viva, mesta e interesante que sempre está na vangarda. Malia que poida ser un pouco esaxerado creo que se pode entender a situación deste xeito: a República Irlandesa é un estado sen nación e o País Vasco é unha nación sen estado.

(P): Amais de tradutor, tamén escribes poesía e novela. Que significan para ti as linguas? Como xorde o proceso de creación?

Gústame que inclúas na mesma pregunta o rol das linguas na miña identidade e o proceso de creación. Para min están vencellados completamente. Antes de comezar a falar galego escribía en galego para practicar, a miña man soubo antes do costume da lingua galega ca a miña boca. Se cadra é difícil velo pero creo que un ollo atento pode reparar en que, no que atinxe á miña faceta como creador, as miñas traducións e as miñas obras de creación son parte dun mesmo proxecto e que, dun xeito ou doutro, se alimentan as unhas ás outras.

(P): Segundo teño entendido, es o único tradutor do éuscaro ao galego. Que supón para ti isto?

Non sei se son o único. Seguro que hai algún máis. O País Vasco é unha terra que amo e na que me sinto moi querido, ter a oportunidade de axudar a espallar a súa literatura na miña lingua é unha honra para min e fágoo con moito agarimo.

(P): Moitos profesionais da tradución destacan sempre que deben estar ao día de todos os cambios das linguas e ler moito. Que consellos lle darías a unha persoa que se quere dedicar a isto da tradución?

Eu podería falar en concreto da tradución literaria. Se alguén quere traducir poesía debe ser un bo lector de poesía. Se alguén quere traducir narrativa ten que ser un bo lector de narrativa. (Pode parecer unha verdade evidente que non cómpre dicir, pero o certo é que mesmo algúns escritores carecen do hábito de ler o que escriben os seus coetáneos, nótase especialmente nos narradores que retoman a poesía despois de moito tempo sen escribila). E por suposto ten que coñecer moi ben o campo literario desa lingua, estar ao día.

(P): A que persoas do mundo literario e da tradución admiras?

Xosé Luís Méndez Ferrín e Jairo Dorado Cadilla, sería absurdo poñerme aquí a dar as razóns, limitareime a dar tres substantivos: calidade, paixón e compromiso.

«Considero que as miñas traducións e as miñas obras de creación son parte dun mesmo proxecto e que, dun xeito ou doutro, se alimentan as unhas ás outras».

(P): Na actualidade, a industria editorial galega destaca por traer obras clásicas e contemporáneas do mundo á nosa lingua. Como ves o sistema editorial galego? Que obra botas en falta nos catálogos?

Direi que as editoriais galegas que se dedican á tradución son do mellor que hai. Se queres ter unha boa lectura abonda con ir a unha libraría e escoller un libro dos que publican, podes facelo ao chou, case sen mirar o nome do autor ou o título, podes estar seguro de que estás a adquirir unha boa dose de pracer.

(P): Como ves o futuro da profesión de tradutor?

Os motores de tradución, os tradutores automáticos, están avanzadísimos e teño escoitado a verdadeiros tradutores profesionais afirmar que en pouco tempo a figura do tradutor será a de corrector dun texto elaborado previamente por un tradutor automático. Creo que isto pode ir moi axiña, quizais, coas linguas grandes pero non creo que sexa tan rápido o avance para traballar coas demais linguas.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.