“E así foi como, unha tardiña fresca antes da primavera, Tommy e Annika abandonaron por vez primeira a pequena vila para viaxar con Pippi polo ancho e marabilloso mundo. Axiña estiveron na borda da goleta os tres, mentres o vento fresco da tarde inflaba as velas da Saltarica. Os tres, ou talvez sería máis correcto dicir os cinco, porque o cabalo e o señor Nilsson tamén viaxaban con eles”.
De cando en vez volvo ás historias que un día me fixeron feliz. Lembro agora aquelas mañás nas que me deixaba conquistar pola televisión e por aquela excéntrica nena que reclamaba o seu dereito á aventura e a ser coma os nenos. Eu, que apenas vía debuxos animados nin series por, caín rendida aos pés de Pippi. Xa pasaron anos, mais agora volvo a ela grazas á editorial Kalandraka e a David A. Álvarez, responsables da súa tradución ao galego. Precisamente, vén de saír publicado o terceiro libro na nosa lingua, titulado Pippi Mediaslongas nos mares do sur, no que a protagonista se despide de nós cunha máxima coa que eu me identifico plenamente: se mantemos un espírito aventureiro, poderemos non medrar nunca.
Lendo este libro reflexiono sobre a necesidade que temos de que a nosa literatura conte con obras traducidas doutros idiomas. Soamente así conseguiremos normalizar o seu uso, tanto entre o público adulto como, e sobre todo, entre o lectorado máis mozo, entre o que se perden de forma precipitada falantes. Neste senso, contar cunha obra tan mundialmente coñecida como Pippi na nosa lingua era un reto xa acadado, e que permitirá achegar novos lectores.
As aventuras de Pippi, a pesares de que foron pensadas en torno á década dos anos 40 do século pasado, non pasan de moda e poden entenderse perfectamente nos nosos días, quizais porque as ansias de liberdade e de soñar con outros mundos é universal e transcende todas as épocas. E nese conxunto de aventuras, lendo a Pippi atopamos moitas ideas para o debate, como a defensa que se fai das vilas pequenas e do dereito a vivir nelas. Tal é o caso de Vilapenela, a casiña na que vive a nosa protagonista acompañada dun mono e dun cabalo, que virían a expresar a pureza da natureza e a liberdade con respecto ás grandes cidades.
Como acontece cos tres libros de Pippi escritos pola sueca Astrid Lindgren, a través das personaxes aprovéitase para alertar de desigualdades de xénero e para propoñer novos modelos de sociedades máis xustas. Esta reflexión é comprendida moi ben polos lectores e lectoras de hoxe:
“Ela! É unha muller a que ten estar casa miserable? Pois moito mellor. As mulleres non entenden de negocios. Esperemos entón que poida quedar con todo isto por tres patacóns”.
Desde logo, Pippi sempre será lembrada por propoñer outros modelos para as nenas afastados dos xogos estáticos con bonecas. Ela gusta de xogar cos seus amigos fóra da casa, de gastar bromas e de coñecer lugares diferentes. Ateigadas de humor, de ironía e de moitas boas vibracións, as historias de Pippi levan moitos anos conquistando ás nenas e nenos e oxalá continúen moito tempo.
Ficha técnica
Título: Pippi Mediaslongas nos mares do sur
Autora: Astrid Lindgren
Traducción: David A. Álvarez Martínez
Editorial: Kalandraka
Ano de publicación orixinal: 1948
Ano da publicación en galego: 2019
Número de páxinas: 112