Natural do concello pontevedrés da Estrada, David A. Álvarez é a voz de Pippi Mediaslongas en galego. Este tradutor confesa a súa fascinación que desde cativo provocou nel o personaxe creado pola sueca Astrid Lindgren, e que foi o que o levou a querer traducir as súas aventuras á nosa lingua. Con xa dous volumes publicados da man da editorial Kalandraka, en novembro sairá o último, que pecha esta serie, que forma parte dos grandes clásicos que len pequenos e maiores de todas as épocas.
Nesta semana dedicada á tradución, conversamos con el sobre o presente e futuro da profesión, sobre o proceso de traer un texto dunha lingua a outra, e sobre o que significa entender o mundo desde múltiples ópticas.
Pregunta (P): Que supón para ti ser a voz no galego de Pippi Mediaslongas, a exitosa serie da sueca Astrid Lindgren?
Significa unha ilusión cumprida, unha satisfacción enorme pola forza e significado do personaxe, polo símbolo tan potente que é de liberdade, igualdade, reivindicación dos débiles e da muller; e por outra banda, é unha alegría ser quen de contribuír a crear un nexo entre as culturas sueca e galega e axudar á normalización da lectura na nosa lingua por medio de obras tan importantes da literatura universal.
(P): Imaxino que este proxecto de tradución de Pippi ao galego nace da túa paixón por este personaxe. Que simbolizou na túa infancia?
O meu contacto con Pippi foi en primeira instancia por medio da serie de televisión. Aos textos cheguei moito máis tarde, xa directamente en sueco. Naquel primeiro momento significaba por enriba de todo un mundo de aventura e liberdade, unha maneira completamente diferente de facer as cousas e unha porta aberta a outra cultura, que máis adiante se foi alimentando dunha fascinación e interese paralelos por Escandinavia e, máis concretamente, por Suecia. Visto desde agora, penso que tamén me cativou dun xeito inconsciente a súa maneira de xogar coa linguaxe, ese equilibrio lúdico entre o sentido literal e implícito das palabras que sempre usa para levar a realidade ao seu terreo particular e crear un mundo alternativo no que imperan outras regras.
«Os índices de lectura non permiten chegar a uns números de venda para que a tradución sexa unha profesión da que se poida vivir sen outro tipo de actividade».
(P): Dis que o máis difícil é traducir as ideas e non tanto as palabras. Podes explicarnos isto?
Como norma xeral, a literalidade non funciona entre dúas linguas. Verter un texto orixinal a unha lingua diferente implica modular a linguaxe, procurar acepcións adicionais, mergullar nas posibilidades expresivas da propia lingua para recrear o máis fielmente posible a intención do texto de partida. En moitas ocasións, a primeira asociación ou significado traducido dunha palabra concreta non encaixa no discurso da lingua meta por diferentes motivos, que poden ser de estilo, de rexistro, por diferente amplitude na cobertura semántica ou por factores culturais, por exemplo.
(P): De onde vén a túa paixón polas linguas?
Non sei de onde xorde, a verdade. Gustaríame sabelo a min mesmo. Non atopo mellor explicación que a de que veña comigo de fábrica. Foi unha descuberta paulatina, totalmente individual e intuitiva, unha especie de motivación innata que se foi revelando ao contactar con outras maneiras de expresión e ver que me resultaban intrigantes, amenas e relativamente asequibles.
(P): Como ves o estado da profesión no noso país?
É practicamente imposible chamarlle profesión á tradución literaria en exclusiva, e menos en lingua galega. Os índices de lectura non permiten chegar a uns números de venda para que esta sexa unha profesión da que se poida vivir sen outro tipo de actividade. O habitual é que se precise outra fonte de ingresos, que en moitos casos é a tradución noutros ámbitos ca o literario, mais tamén pode ser a edición, a docencia, a creación literaria ou outros campos.
Por outra banda, tamén hai que dicir que temos mellor formación e especialización, máis visibilidade da profesión que no pasado e que é moi positivo ver que hoxe en día existe un corpo de tradutoras e tradutores capaces de traer ao galego obras desde por exemplo, o sueco, o turco, o xaponés, o finés, o húngaro, o ruso, o dinamarqués, ou o grego.
«Verter un texto orixinal a unha lingua diferente implica modular a linguaxe, procurar acepcións adicionais, mergullar nas posibilidades expresivas da propia lingua».
(P): A sociedade é consciente da titánica labor que levades a cabo? Como poderiamos axudar na visibilización da figura dos tradutores e tradutoras?
É moito pretender que a sociedade teña consciencia sobre unha actividade tan específica dentro do mundo cultural, pero é verdade que hai máis visibilidade que antes. Moitas editoriais teñen xa unha política moito máis xenerosa ou xusta coa figura dos tradutores, procurando a súa visibilidade e remuneración xusta, aínda que sexa aínda difícil polas dificultades antes mencionadas do libro en galego.
Penso que a administración debería apoiar a divulgación da literatura universal en galego. É certo que xa existen axudas á publicación de textos traducidos, máis tamén é verdade que hai aspectos moi criticables dese apoio institucional, como que se subvencionen traducións ao galego desde linguas intermedias coma o inglés ou castelán e non desde a orixinal, mesmo en casos onde hai profesionais coñecedores desas linguas e a pesar de que calquera código deontolóxico da profesión alenta a tradución desde a lingua orixinal. Política lingüística podería, por exemplo, emprender accións de divulgación en bibliotecas, centros de ensino, librarías ou outras entidades culturais, dando a coñecer catálogos de literatura universal na nosa lingua, talvez por medio de folletos ou outras campañas. As librarías en moitas ocasións teñen estas obras relegadas ao recuncho de ‘Galego’ coma se fose unha categoría única na que non se distingue creación orixinal en galego e tradución de literatura universal, o cal non axuda tampouco á súa visibilidade en moitas ocasións.
(P): Que linguas coñeces e desde as que traduces?
‘Coñecer’ ten moitos graos diferentes. Digamos que me especialicei en alemán e inglés nun inicio e pouco despois comecei a interesarme pola lingua e cultura suecas e estudala pola miña conta nun primeiro momento. Desde esas linguas podo sentirme cómodo á hora de traducir, aínda que prefiro centrarme no sueco e no alemán. Teño unha obra traducida do noruegués, que por cercanía ao sueco é moi accesible, pero precisa dun traballo máis profundo de documentación e de consulta. Polo demais, podo defenderme en varias linguas románicas a un nivel usuario ou ler textos sen maior problema en francés, italiano ou catalán e por suposto en portugués, que é como andar pola casa. Pola cercanía co sueco, podo ler noruegués e dinamarqués con certa facilidade. Fixen os meus intentos co árabe, ruso e xaponés, nos que cheguei a defenderme a nivel moi cotián, mais a falta de práctica reduciuno a un nivel moi elemental na actualidade.
(P): No 2012 fixeches a volta ao mundo nun barco xaponés. Que che deu esa experiencia?
Ante todo un respiro grande da rutina, unha pausa e un cambio de marco vital, tempo para pensar sen presión en proxectos de vida e logo moitas vivencias de compartir espazo estreito cunha cultura moi afastada da nosa como é a xaponesa, ademais de traballar intensamente en equipo e nunha comunidade pechada case as 24 horas do día.
(P): Os libros de Pippi Mediaslongas saen publicados na editorial Kalandraka, un proxecto que dá moita importancia ás linguas. Que significa para ti ser parte do seu catálogo?
É un pracer, porque a labor de Kalandraka é esencial no panorama cultural galego. Conseguiron abrir un espazo moi importante á lectura dos cativos en galego, tanto en textos orixinais coma en textos traducidos desde outras linguas, o cal é tamén parte indispensable do proceso normalizador. É moi gratificante ver como mesmo en casas de nenos castelán-falantes non é estraño atopar exemplares do seu catálogo. Pippi merecía ademais unha edición moi coidada e profesional, e Kalandraka é un seguro nese aspecto.
«De Pippi cativoume dun xeito inconsciente a súa maneira de xogar coa linguaxe, ese equilibrio lúdico entre o sentido literal e implícito das palabras que sempre usa para levar a realidade ao seu terreo particular».
(P): Gañaches o Premio da Gala do Libro pola tradución do primeiro volume. Deuche folgos este recoñecemento para continuar?
Un recoñecemento público sempre dá ánimos, certamente. Pero o verdadeiro alimento foi xa antes a publicación das primeiras aventuras de Pippi. Velo en forma de libro e na nosa lingua xa me deu gasolina bastante para seguir adiante.
(P): En novembro sairá o último volume da triloxía de Pippi. Cal dos tres che resultou máis complexo de verter ao galego? Canto tempo conviviches con eles?
Non hai diferenzas notables na dificultade, porque a lingua, o estilo, a intención e os equilibrios lingüísticos de Pippi manteñen unha unidade durante os tres volumes. Talvez o primeiro deles foi o que deu algo máis de traballo por ser o inicial, o cal require unha primeira análise máis profunda e porque contén máis textos como cancións, rimas, pequenos versos etc., que en gran medida inclúen xogos de palabras e outras reviravoltas lingüísticas que tanto agradan a Pippi. Este tipo de textos esixen máis traballo creativo e de adaptación.
A publicación dunha obra traducida, tendo en conta o primeiro contacto coa editora e a chegada do libro ás librarías, é un proceso longo que depende de varios factores. Os ritmos de cada libro foron algo diferentes dependendo dos prazos, tanto do primeiro como das revisións e correccións posteriores. Desde o primeiro acordo coa editorial ata a chegada do próximo e último volume serán catro anos de Pippi a saltar dentro da miña cabeza.
(P): Que lle dirías a unha persoa que quere dedicarse a esta profesión? Animaríala?
Animaríaa sempre que o faga por paixón e por amor á literatura, mais sendo conscientes das dificultades que conleva economicamente.
(P): En que proxecto estás inmerso e do que nos poidas adiantar algo?
Nestes momentos precisamente estamos vendo as últimas revisións para o terceiro volume de Pippi que se publicará este outono. Ademais diso hai un par de ideas aínda sen concretar, mais é posible que a próxima publicación sexa unha novela alemá tamén moi recoñecida.