De entre todos os xéneros literarios, quizais a poesía é o máis idóneo para ler no fogar. Veume á cabeza esta reflexión hai unhas semanas mentres lía Da casa, do mar e das ausencias, un poemario de María Carmen Caramés Gorgal que contén versos e ideas moi interesantes arredor do que simboliza o fogar, a familia e esas costumes que cada persoa mantén cando comparte tempo cos seus. O fogar é iso, definir os nosos espazos e saber gozar deles coas persoas que nos rodean.
Da casa, do mar e das ausencias, I Premio de Poesía do Concello de Ponteceso Eduardo Pondal, ten moito de fogar e do non fogar, dos momentos nos que se rompen esas rutinas para xerar outras novas. A memoria é, tamén, o construto a través do cal exercemos esa querenza polo que nos define, e este libro tampouco é alleo a ela.
“O tempo da inocencia
sempre era urxente
e por veces salvaxe
porque as nais tecían madrugadas
Observamos nos versos anteriores unha reivindicación feminista, idea que pivota por toda a obra novelística e poética da autora. A loita por facer visibles ás mulleres que durante tanto tempo estiveron detrás dos homes e do que estes facían, mulleres que realizaban accións necesarias e prioritarias sen que a sociedade lles recoñecese nunca o seu lugar no espazo público. Este poemario, igual que acontecía en Dos días escuros, non é alleo á realidade social e constrúese como una forma de loitar contra a desmemoria. Intimamente relacionados co esquecemento están os versos que nos falan do mar e das súas ausencias, dos nomes gravados nas lousas dos cemiterios, e das persoas que estiveron e xa non están. Caramés Gorgal consegue, pois, falarnos da cotidianeidade dos fogares e do que ameaza con desaparecer para sempre. A poesía convértese así na mellor ferramenta de loita contra o esquecemento, en testemuña dun tempo.
“Camiñamos arrimados ás beiras
como se o medio
nunca nos pertencese
malia que a miúdo soñabamos
con reclamar o centro
de todos os espazos,
o corazón de todas as cousas”.
Ficha técnica
Título: Da casa, do mar e das ausencias
Autora: María Carmen Caramés Gorgal
I Premio de Poesía do Concello de Ponteceso Eduardo Pondal
Editorial: Medulia
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 47