Herdeiras

Carmen Penim, autora do libro - disco "Herdeiras"

Adoro os proxectos que nacen desde a ilusión e a loita por un mundo mellor, máis xusto e igualitario. Dous valores que atesoura Herdeiras, un libro – disco impulsado por Carmen Penim e que “aglutina a paixón, o amor e as ideas progresistas de tantas persoas que cremos nun mundo mellor”, tal e como destaca a autora na introdución.

Herdeiras concíbese, e así debe ser sentido, como un libro de artigos nos que diversas persoas salientables no campo da recuperación da memoria reflexionan e recollen o que simbolizou a ditadura e a represión exercida contra as mulleres. Atopamos por aquí a referentes ben coñecidos, como Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento Galego e un dos políticos que máis ten traballado neste eido, a Xesús Alonso Montero, quen fora presidente da Real Academia Galega, e que nos presenta a traxedia de Josefa García Segret, a Montse Fajardo, xornalista e autora de libros de recuperación das voces femininas como Matriarcas, Un cesto de mazás ou Invisibles, Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, Aurora Marco, investigadora que nos presenta o papel que desempeñaron as guerrilleiras durante a Guerra Civil, e outros. O libro, que debe lerse coa palma da man aberta sobre o corazón, propón unha reparación sobre a memoria das mulleres das que nunca antes escoitaramos falar. É por iso que nel se transpira unha sorte de xustiza poética da que tan escasos andamos ultimamente.

Como xa indiquei, o libro vén acompañado dun disco que recolle nove temas musicados con letras da propia Carme Penim e doutras poetas como Helena Villar Janeiro, Marga do Val, Eva Veiga, Marta Dacosta Alkonso ou Carmen Blanco, e unha curta de Margarita Ledo Andión titulada Bucle que consegue, en apenas cinco minutos, explicarnos o silencio ao que fomos relegadas as mulleres, estando moitas veces presentes sen que ninguén o notase.

Estamos diante dun libro que se constrúe coas verbas de todas e cada unha das persoas que Carmen decidiu incorporar. Elas expresan ese desexo compartido de que as voces das silenciadas resoen no tempo e no futuro. Quizais é a voz de Amalia Bóveda a que mellor reflicte o sentir deste proxecto.

Debemos escoitar a música das herdeiras que endexamais cantaron baixo sometemento de ningún home, mais todos os días o facían en arrolos para nós. A herdanza das herdeiras segue a resoar”.

Outra reflexión moi interesante, e que transpira en todo o libro, é que necesitamos lembrar as súas memorias para construír unha verdadeira democracia que sexa quen de avanzar cara adiante sen cometer os erros do pasado. A reflexión de Luís Bará é moi acertada na defensa desta idea. El di que “as súas vidas están aí e precisan ser contadas para memoria e exemplo. Porque non se pode construír unha democracia digna de tal nome desde o esquecemento das persoas que a defenderon, que loitaron por ela. Non se pode erguer un país sobre a desmemoria, sobre a ocultación do pasado. Sobre a derrota da humanidade e da democracia”.

Ler este libro supón un exercizo de rebeldía e, en certa maneira, de homenaxe cara todas as mulleres invisibles e das que herdamos os dereitos dos que hoxe gozamos. Ao igual que a investigadora María Torres, eu tamén “son herdeira dunha estirpe de mulleres que plantaron a semente do que son hoxe”, desas “mulleres capaces de vencer o mundo”.

Ficha técnica

Título: Herdeiras

Autora: Carmen Penim

Editorial: Inquedanzas sonoras (inclúe CD)

Ano de publicación: 2017

Número de páxinas: 93

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.