Hai un tempo que me interesa afondar na literatura infantil e xuvenil, e na historia da súa xénese. De aí que o libro Da Carapuchiña ao señor Lamote, escrito por Miguel Vázquez Freire, se me presentase como unha oportunidade única para indagar nos títulos que construíron o canon da literatura para nenos e nenas, os estilos e as fórmulas de éxito.
Profesor, crítico, ensaísta, escritor e, sorbe todo, especialista en didáctica e educación, Miguel Vázquez Freire recolle os textos publicados entre 2006 e 2018 na Revista Galega de Educación que edita Nova Escola Galega, un movemento de renovación pedagóxica da que forma parte como membro fundador. Neses artigos, o autor quería dar conta das novidades editoriais para o público máis novo, pero pronto comezou a percibir que entre o profesorado e os mediadores existía un gran descoñecemento da existencia de versións galegas dos clásicos da literatura infantil en galego, e considerou que era preciso reparar esa eiva. Desta forma, e tamén coa visión propia dun letraferido, o autor recompila os textos neste volume que leva por bandeira a defensa da literatura infantil sen filtros e afastada da moda do “politicamente correcto” que tanto se practica hoxe en día.
Vázquez Freire afirma xa ao comezo que “os mellores libros para a infancia e a mocidade son os mellores libros que calquera, incluídos nenos e mozos, poden ler; os libros, logo, máis universais, os libros para todos”. Unha reflexión que nos leva, deseguido, a esa outra de que a literatura propia e actual de ser quen de dialogar coa universal e cos considerados clásicos. Neste sentido, o autor debate ao longo dos diversos artigos sobre esa tendencia dos nosos días a adaptar todas as obras orixinais e a tentar transmitir unha mensaxe moralizante, que mesmo achega unha idea edulcorada do mundo que habitamos.
O autor convídanos neste libro a que nos acheguemos aos clásicos libres de ataduras e de miradas afastadas do tempo no que foron creados. Unha mirada que, iso si, non impide que poidamos reflexionar sobre valores e sentimentos universais. Por este motivo, estamos diante dunha proposta moi acaída como manual de consulta para o profesorado de primaria, así como mediadores ou persoas que desempeñan a súa labor profesional nunha biblioteca na que é preciso fomentar a lectura. Os títulos están acompañados de propostas e claves para traballar nas aulas, ademais de bibliografía dos libros en lingua galega e as diversas versións cinematográficas, ofrecendo unha radiografía que servirá para achegar un coñecemento básico aos que traballan nesta labor.
A pesares de que se achegan obras consideradas grandes clásicos universais, bótase en falta unha maior bibliografía de títulos e autores galegos, así como o tratamento de obras escritas por mulleres. E, por exemplo, non se entende que nun libro que fala sobre literatura infantil e xuvenil non se atope a Agustín Fernández Paz ou María Victoria Moreno. Sería, pois, moi interesante un segundo volume centrado na historia da literatura infantil e xuvenil en Galicia.
“Os contos serven para que os nenos e nenas liberen os seus medos inconscientes, imposibles de racionalizar: medo a seren abandonados polos seus pais (medo a perdelos), medo a medrar, medo á morte… Os contos, ben escollidos e ben contados, axudan a vivir”.
Ficha técnica
Título: Da Carapuchiña ao señor Lamote. Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega
Autor: Miguel Vázquez Freire
Editorial: Xerais
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 327