“Acumulamos obxectos inútiles e ninguén nos obriga a sentirnos orgullosos deles. Rexeitamos a idea dun obxecto final que remate a colección porque suporía a rendición. Por iso nunca damos una colección por pechada. A vida é gris se non hai ambición. Para nós, o coleccionismo é a escusa ideal para vernos e… divertirnos”.
Existen certos libros que supoñen todo un reto para os lectores. E precisamente aí, nesa dificultade aparente, é onde me sinto máis cómoda. A literatura non debería definirse, baixo o meu humilde punto de vista, como o conformismo nin a banalidade, senón que nela deberiamos atopar significados que nos levasen a transitar polas partes máis complexas e inexplicables das nosas vidas. Nese terreo de busca sitúase Hotel para coleccionistas discretos, a recente novela do xornalista e escritor Diego Giráldez na que se recollen parte das súas obsesións como son o humor e as escenas delirantes e incribles.
Atopamos aquí a un grupo de persoas moi heteroxéneo e, cando menos, estraño, que coleccionan caprichos e que agochan así a súa soidade e carencia de felicidade. O hotel Continente, situado en Capital Sur, un lugar ficticio pero que ben podería identificarse con calquera das cidades nas que atopamos a xentes soas e con vicios ben rariños. Aí, nese recuncho, reúnense Lara, filla da empresaria falecida Amalia Valverde, Andrés Caibo, o seu amigo, Eduardo Lapique, “asesor do presidente da patria”, Martín Lombao, xornalista acreditado, Carlos Mora, multimillonario entusiasta traficante de órganos, e Manuel Arce, líder espiritual do lobbie de empresas de alimentación de bebidas. Un grupo diverso que comparte ideas delirantes e situacións un tanto tremendistas, e que lle serve ao autor para remarcar a estupidez da humanidade, tendencia que se acentúa nos grandes focos de poder.
O libro podería lerse coma un experimento; un dos seus puntos fortes radica precisamente na capacidade do autor para falarnos do transcendente desde o humor máis retranqueiro. Non en van as personaxes viven sucesos estrambóticos durante os que, porén, se producen as reflexións máis filosóficas e íntimas. Unha fórmula que nos leva a pensar, unha vez máis, que ata sobre os asuntos máis serios se pode escribir desde a risa.
Diego Giráldez traza unha proposta do máis arriscada, novidosa e afastada do comercial. Así e todo, e a pesares de que se nota un gran coidado na forma, o fondo non conseguiu chegarme de todo, como se parecera que lle faltasen páxinas ou unha ampliación das descricións dos personaxes.
Ficha técnica
Título: Hotel para coleccionistas discretos
Autor: Diego Giráldez
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 109