“- Por que…? – dixo-. Por que papá ten que ler o xornal?
– Ha! Pregunta doada – dixo o lobo-. O teu pai está enfeitizado, sabes?
– Enfeitizado? – preguntou Zackarina.
– Si, claro, ou hipnotizado dalgún xeito. Os seus ollos están atrapados polo xornal, por esas letras pequeniñas e escuras, e agora non pode liberarse delas”.
Esta visión da letra escrita e do que esta nos provoca aos seres humanos, contense no libro O lobo de area, da sueca Asa Lind (Premio Nils Holgersson) e fermosamente publicado en galego da man dunha das editoriais máis potentes, Kalandraka, na tradución de Anton lado e coas ilustracións da deseñadora bonaerense María Elina. Abrimos as páxinas deste libro e descubrimos esa louvanza cara o pracer ou o feitizo que as historias teñen para as persoas que gozamos delas ou, coma neste caso, para os nenos e nenas que queren abrirse camiño na lectura.
Esta aprendizaxe do lobo de area é das primeiras do libro, pero se indagamos un pouquiño máis veremos que este, tras as aventuras que a nena Zackarina vive con el, se atopa ateigado de ensinanzas coas que a rapazada, e tamén o público adulto, nos sentiremos identificados. É precisamente nesa capacidade para empatizar co lectorado o que fai desta unha proposta ben acaída para falar de certos temas.
Pero, como se presenta este lobo de area? Ao inicio xa se define como “moi atípico, pero tamén extraordinariamente fermoso”, unha idea que se desenvolve durante todo o conto e que nos leva á defensa do dereito de cada un a ser quen quere ser. Este lobo mantén conversas coas ondas e convértese nun compañeiro inseparable para a moza Zackarina. Con el vive moitas aventuras e aprende cousas tan interesantes como a procedencia dos negróns nas pernas:
“Agora entendo. Os negróns son unha especie de medallas que se obteñen cando fas algo arriscado […] Unha especie de medallas de valentía”.
Pero esas reflexións agochan outro debate máis fondo, o da soidade e abandono no que se senten moitos nenos e nenas aos que os pais non prestan atención, sumerxidos como están na voráxine do tempo actual que os devora, ou atorados en traballos que esclavizan a súa vida persoal. Contra o aburrimento, a protagonista loita polo movemento e a aventura. Un desexo que compartirán moitos dos nenos e nenas e que recupera a esencia dos grandes contos de todos os tempos.
Unha historia marabillosa, que se complementa á perfección cos debuxos de María Elina, que nos lembran o verán e outorgan esa dobre lectura tan necesaria dos álbums ilustrados. Así mesmo, é interesante apuntar que este libro se pode atopar na mesma editorial nas linguas catelá e catalán.
Ficha técnica
Autora: Asa Lind
Ilustradora: María Elina
Traducido do sueco por: Antón Lado
Editorial: Kalandraka
Ano de publicación: 2019
Número de páxinas: 108