Darlle a volta aos contos tradicionais nun afán de reivindicar o espazo que nos quitaron ás mulleres. Unha tarefa necesaria pero nada doada que Susana Sánchez Aríns levara á práctica en Seique e que agora amplía no conxunto de contos e relatos Tu contas e eu conto. Nel atopamos referencias explícitas á violencia obstétrica que sufrimos as mulleres nos partos, as violacións ás que foron sometidas moitas durante a Guerra Civil, e ese sufrimento menos violento pero no por iso menos importante: o da invisibilidade.
O libro de Susana parte da premisa de que o pasado non é intocable, senón que hai que darlle a volta, ofrecer novos puntos de vista e fomentar a capacidade crítica sobre os acontecementos dos que cremos que o sabemos todo. Porque, como un día lle escoitei a Manuel Rivas, toda acción leva implícita unha posición política, ata o silencio; e tamén porque o que non se nomea non existe. Por iso, co obxectivo de levalos ata a esfera do público e do político, nestes relatos ponse o foco no cotián e no íntimo, nos que, por certo, se reproduciron sempre patróns negativos e inxustos.
Atréveste a contar de novo todo o teu mundo? Con esta pregunta espremendo a cabeza lemos a Susana, quen cre firmemente no poder da literatura para reivindicar, para ofrecer espazos alternativos e suxerir presenza no público.
Os contos que atopamos aquí lévannos a facer preguntas en torno á mestura entre verdade e ficción e a ese xénero tan en voga como a auto ficción, é dicir, falar dunha mesma para reflexionar sobre asuntos sociais e políticos. Proba diso é ese relatiño titulado “Artemisia Gentileschi” no que desde a experiencia persoal se demostra que a historia e a literatura estivo construída sempre por machos que explicaron ás mulleres desde a súa visión patriarcal e protectora.
“Desejava que o público percebesse a necesidade de mulheres artistas para refletir esses mundos que os senhores artistos não eram quem de vislumbrar. E contou. O conto inteiro”.
A volta de torca da historia pon o foco na busca de novas formas de amar, afastadas do mal entendido amor romántico, e tamén na revisión da memoria histórica (nomeando cada cousa polo seu nome e fuxindo de eufemismos). Unha proposta ben interesante, que se sitúa no marco da loita feminista e na busca de novos espellos nos que as mulleres comecemos a vernos, por fin, reflectidas.
“E a mamã não falava. Não chorava. Não laiava. Não fazia ruído para que ela não soubesse, mas ela sabia. E queria que eles soubessem que sabia. Que sabia que o papá era um cabrão que batia e que a mamã era uma covarde que suportava”.
“O meu corpo já não é um campo e batalha”.
Brava, Susana! E por máis propostas coma estas que nos conten a todas, as que estamos e as que se foron.
Ficha técnica
Autora: Susana Sánchez Aríns
Editorial: Através
Ano de publicación: 2018
Número de páxinas: 168