Abro o novo libro de Marcus Daniel Cabada e bato de fronte cunha cita que me dá pistas do que me vou atopar. “Há metafísica bastante em não pensar em nada”, e dicíao Fernando Pessoa, o poeta portugués recoñecido tamén por aquela sentenza de que “o poeta é un fingidor”. Desa filosofía bebe o autor pontevedrés, e doutros moitos autores e autoras que, en maior ou menor medida, reflexionaron e tentaron buscar o sentido da dualidade entre a presenza e a ausencia. E é que todos eles e elas, tanto Alejandra Pizarnik, como Shakespeare, Safo, Borges ou Luz Pozo Garza, indagaron no sentido da existencia, reflexionando sobre a vida mesma (obsérvase no poema “Consagración da ausencia”). Para iso, empregaron a literatura como instrumento, como vía que os levase ao éxito (ou fracaso) na pescuda, a buscar, a tecer fíos que creasen camiños.
Metafísica da ausencia componse de poemas que nos remiten directamente ao campo das cousas trascendentais, dese espazo onde todos os seres humanos nos debatemos sobre os porqués da vida e o sentido primeiro e último dos acontecementos.
“Así a vida pasa
Percorrendo de nós o seu dominio, que é
/este Todo,
E a morte declama en realidades melancólicas
O noso rostro e o noso envés
Como tempo, delirio, luz poderosa ou descansada.
E, de aquí, que algo nos invoque”.
Estamos diante dun poemario ateigado de filosofía, con múltiples significados e que abre a porta a outras tantas preguntas: “E como ser moradores dese mundo por haber? / E como agardar a aurora dende o escuro? / E como transcorrernos contemplando o que virá?”.
Ante a incerteza do que virá e a soidade do individuo, os versos de Marcus Daniel Cabada acubíllannos baixo a crenza de que sempre nos quedará a escrita, tanto como lembranza como a modo de bálsamo ou de busca de significados. Unha aposta que pode entenderse tamén a modo de homenaxe ás grandes voces poéticas das que bebe o autor de Metafísica da ausencia.
“Ficar sempre no soño
Na escrita que transcorre como río nunha páxina”.
Ficha técnica
Título: Metafísica da ausencia
Autor: Marcus Daniel Cabada
Editorial: Urutau
Número de páxinas: 53