Entrevista Arantza Portabales: “As mulleres estamos collendo voz e falando cada vez mais alto na sociedade”

Arantza Portabales, autora de "Deixe a súa mensaxe despois do sinal"

Xusto publico esta entrevista con Arantza Portabales cando descubro que a novela Deixe a súa mensaxe despois do sinal verá a luz en castelán da man da editorial Lumen, tras terse publicado en galego con Galaxia. É este un libro que fala de cousas cotiás, de retallos da vida habitual, e de catro mulleres coas que nos poderiamos identificar calquera de nós.

E non quixera desaproveitar, pois, a ocasión para dar os parabéns á autora. Historias de vida, de catro mulleres falándolle a un contestador, un síntoma claro e evidente da soidade dos nosos días, que pronto ampliará as fronteiras.

Pregunta (P): Como xorden estas catro historias de mulleres tan diferentes e á vez tan iguais?

Antes que as historias, xurdiu a voz. A comezos do ano 2016 escribín un relato baseado nun monólogo dunha muller que acaba de ser abandonada polo seu home. Ese é o xerme da novela. Xorde cando me decato da potencia desa voz, libre de prexuízos porque está amparada polo contestador. A partir de aí, comezo a fiar as historias das catro mulleres.

(P): Todas elas falan co contestador automático, non é iso un símbolo máis da soidade que impera no noso tempo?

Por suposto. Se me preguntan cal é o tema da novela, é a soidade. A loita destas mulleres por combater o seu baleiro existencial, a través destas conversas.  

(P): Deixe a súa mensaxe despois do sinal, algunha vez te sentiches identificada coas catro protagonistas e coas súas voces en solitario?

Moito. Coas catro. Son muller. Son nai. Son filla. Todas teñen algo de min. E como me din as miñas lectoras mulleres, todas teñen algo de todas nós. No fin de contas, nesta novela non pasan cousas extraordinarias. Tan só estamos ante a presenza do discorrer de catro vidas. Coido que iso é o que fai que a xente se sinta tan identificada coas historias que nela se contan.

(P): Imposible non lembrarme da novela O club da calceta, de María Reimóndez, tivéchela en conta á hora de escribir o teu?

Pois o certo é que non. Téñoo pendente e aínda non o lin. O último libro de María que lin foi A dúbida. De todos os xeitos, imaxino que coma mulleres que eliximos a fórmula de novela coral con personaxes femininos, é normal atopar coincidencias, do mesmo xeito que me sentín moi identificada, cando lin, unha vez rematada a miña, a novela de Inma López Silva, Aqueles días en que eramos malas.

(P): Desenvólveste ben no formato curto, non resulta difícil esta fórmula?

Son unha tola da microliteratura. Resúltame apaixonante reducir a realidade á súa mínima expresión. Son unha persoa que fala moitísimo. A brevidade na literatura obrígame a facer un exercicio de reflexión e selección que non acometo na miña vida diaria. E, dende logo, que concordo en que non é unha opción literaria doada. Non hai nada máis difícil que contar sen contar.

(P): As situacións cotiás son o teu caldo de cultivo, como nace a inspiración?

O libro está cheo da miña vida diaria e da dos meus amigos. Sempre digo que coma escritora teño que loitar coa miña brutal falta de imaxinación. Bromas aparte, coido que a realidade que nos rodea resulta moito máis apaixonante que toda a ciencia ficción do mundo. Teño feito relatos ao redor de algo tan cotián coma unhas lentellas con chourizo.

Deixe-a-sua-mensaxe-despois-do-sinal(P): Es filla de emigrantes galegos, naciches en Donostia, e volviches a Marín, residindo agora en Teo, como che marcou esta traxectoria vital á hora de escribir? En Deixe a súa mensaxe despois do sinal hai continuas referencias a lugares de Marín e Bueu…

Pois evidentemente son de moitos sitios e xa de ningún. Sigo vencellada ao País Vasco, onde teño unha parte importante da familia. As miñas fillas son Teenses. E eu sinto que son de Marín máis que de ningún outro sitio. Aprendín a vivir cara adiante, sen esquecer o meu pasado. Pero en Deixe a súa mensaxe paguei a miña débeda con Pontevedra e co pobo da miña nai, Loira, que, ao igual que Marín, é un lugar que ten moito de iniciático para min, polo que significou no meu paso da infancia á adolescencia.

(P): Escribes a diario no teu blog persoal “Una nube de historias”, unha visión particular e singular de cousas do día a día.

A diario non. Fago un par de entradas ao mes, un pouco polo romanticismo que supón manter a bitácora nos tempos nos que as redes sociais o devoran todo. Gústame deixar esas pequenas pegadas narrativas. Son feliz escribindo relato e microrrelato.

(P): Anualmente celebramos o 25 de novembro, Día Contra a violencia machista, e o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, como ves ti a loita pola consecución da igualdade?

As mulleres estamos collendo voz na sociedade e falando cada vez máis alto e máis forte. Fai falla lembrar que estamos aquí. Que somos iguais, pero que se nos esixe o dobre. Que máis aló dos nosos roles habituais de nais e parellas, somos mulleres capaces, intelixentes e con criterio. Levamos anos falando. Agora toca que nos escoiten.

(P): Durante moito tempo ás mulleres foilles negada a voz, pero novelas como a túa devólvenlla. Era ese un dos teus obxectivos?

É curioso como se está percibindo esta novela coma unha novela de empoderamento feminino. Non pretendín facer unha novela de xénero. Falei por boca de mulleres por pura empatía. O único que sucedeu é que as miñas mulleres son mulleres fortes, bravas e con capacidade de vivir de por si. Coido que non é ciencia ficción. É un reflexo da muller do século XXI.

(P): Cales son as túas referencias literarias, cinematográficas e pictóricas á hora de escribir?

Literariamente, estou moi influída pola narrativa curta. Polo realismo sucio. Carver, Ford…  E dada a miña tendencia á translación do cotián ao arte, gústanme as obras que contan historias normais de xente corrente.

(P): Tes en marcha algún proxecto literario do que nos poidas falar?

Estou a piques de rematar unha novela negra. A miña incursión neste xénero con Sobrevivindo deixoume coa gana de abordar unha novela destas características sen as limitacións impostas polas bases do concurso da Novela Por Entregas. Necesitaba baixar o plus de intensidade emocional que me supuxo escribir Deixe a súa mensaxe despois do sinal.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

2 comentarios sobre “Entrevista Arantza Portabales: “As mulleres estamos collendo voz e falando cada vez mais alto na sociedade”

  1. Ola, Tensi: acabo de rematar na perruquería a lectura de Deixe a súa mensaxe despois do sinal. Teremos o vindeiro martes na biblioteca do colexio o club de lectura sobre esta obra e, ao rematar o libro, buscando en Internet, con ganas de máis e máis mensaxes despois do sinal, gustoume atoparme cunha entrevista túa na que tan ben queda explicado o significado das catro mulleres deste libro. Moi boa entrevista.

    Le gusta a 3 personas

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.