Entrevista Esther F. Carrodeguas: “Síntome máis preto da vangarda que da contemporaneidade”

Esther F. Carrodeguas é unha artista multidisciplinar e vén de publicar "Na butaca"

Esther F. Carrodeguas (Rianxo, 1979) é desas mulleres que se implican na cultura, nas súas diferentes vertentes, pois ela é escritora, actriz e directora teatral, xornalista, e ata técnica audiovisual. Varios perfís nunha soa muller que se define como máis próxima ás vangardas que á contemporaneidade, fuxindo sempre do habitual, no que non se sente cómoda. Baixo un prisma sempre crítico co mundo que lle toca vivir, esta rianxeira vén de publicar na editorial Galaxia Na butaca, un libro que se podería definir como xornalismo, teatro e poesía, e que ten como tema a loita contra o esquecemento. Non é unha temática esta feliz, pero axúdanos a tomar conciencia sobre aquilo do que ninguén quere escoitar falar.

Pregunta (P): Vés de publicar Na butaca, un libro que mestura varias disciplinas, ¿como o definirías?

Pois eu afástome un pouco dese concepto de definición pechada das cousas. Para min, este, coma outros textos meus, é un proxecto liminal. É un teatro moi poético, e neste caso, sempre o entendín como unha acoutación enorme, unha didascalia. Non por acaso, o texto está en cursiva. Tamén isto é un espazo liminal, xa que normalmente as acoutacións están entre o texto que se considera principal, entre o texto primario, e ven nomeado como secundario. Daquela, este é como un primeiro plano sobre ese tipo de texto que normalmente a xente mesmo nin le. Ten que ver, tamén, coa temática da obra: falar desas persoas que habitualmente, case ninguén ve.

(P): As artes plásticas influíron notablemente a túa carreira, algo que tamén se aprecia nesta nova proposta literaria. Por que fuxiches do habitual e creaches Na butaca con outras técnicas máis innovadoras, e incluso vangardistas?

Non se trata de fuxir do habitual, para min, xa que máis ben, nunca me sentín cómoda no habitual. En todo caso, este texto é volver a onde eu sempre estiven cómoda. Collage (Barbantesa, 2011) é outro exemplo. Pero tamén fantasía nº1 en mi menor, por exemplo. Quizais o problema sexa que a xente me coñece máis por Voaxa e Carmín, que ten unha estrutura máis normativa (aínda que non por suposto ao 100%), pero eu síntome moito máis preto da vangarda mesmo que da contemporaneidade, entendida como tendencia. Sempre me sentín moi veciña de Manuel Antonio.

(P): Estamos diante dun libro poético, e tamén xornalístico, de recuperación da memoria. Son letras estas contra o esquecemento?

Si. Totalmente. Para min este texto ten moitas lecturas. Pero todas teñen que ver co esquecemento. Co esquecemento do que non nos gusta ver. Co esquecemento histórico. Mesmo coa necesidade de esquecemento. E coa trampa que implica o esquecemento. Como son poemas que constrúen un poemario, pode mesmo haber contradicións entre poemas, a pesar de que todo é un continuo. Tamén, por suposto, é unha crítica, a min mesma en tanto que cidadá deste mundo que se apoltrona na butaca e mira o mundo. Pero iso, mellor esquecelo…

(P): De onde nace a inspiración á hora de poñerte na pel dunha persoa con demencia senil?

Teño casos de demencia senil preto da miña vida. Convivir con isto levábame a preguntarme moitas cousas, e por suposto colocábame no lugar do medo a ser eu a que un día, estivera sentada nunha butaca da que apenas me puidera mover. Estas reflexións son as que me empurran a meterme no proxecto. Non tiña pensado nun inicio meterme na pel, como dis. Isto é algo que foi xurdindo co traballo, tamén xunto a Pepa. Pero o proxecto nace das miñas preguntas sobre unha realidade que me acompaña.

na-butaca(P): O libro foi concibido tamén como unha historia para o teatro, como xorde esta idea?

Quería facer teatro sobre este tema. Dende fai un tempo, case nunca penso xa nos textos se non son escénicos. Polo menos os proxectos grandes. Gústame darlle esa vida ás letras, a pesar de que eu me sinto en realidade moi escritora. So que ás miñas palabras, pola oralidade que me caracteriza, acáelles ben a escena. Ou iso me gusta pensar.

(P): Trátase dunha proposta arriscada, como está sendo a acollida?

A acollida está a ser boa, a pesar de que noto que hai unha merma do público potencial. Hai toda unha cantidade de xente que se nega a entrar no teatro a ver algo que, presupón, lle vai a doer. Fuximos da dor. E esta é unha proposta que quizais vaia doer. Nesta sociedade que temos, a dor dános medo. Hai cousas que non queremos ver. Por suposto, esta realidade afastada, ou agochada socialmente, vai continuar a estalo. Non somos quen de aceptala. Digo socialmente. Quizais individualmente, tampouco.

(P): Os obxectos e os estados de ánimo son o xerme de Na butaca, que queres expresar con eles?

Para min a butaca era imprescindible. É que hai persoas que pasan moito tempo na butaca, e a butaca fai parte xa deles e delas. E a tele, ese elemento que nos constrúe, aínda que agora lle chamemos internet. A pantalla para mirar o mundo, a pantalla pola que miramos máis que pola fiestra, e que remata por ser a realidade. Eses dous elementos parecíanme esenciais. Estiveron sempre aí. Despois hai outros, pero nunca tan importantes.

(P): O esquecemento ten en Na butaca unha filosofía triste, pero tamén optimista, como fixeches posible esta dualidade?

Pois porque eu son unha persoa moi dual, moi de contrastes, eu son bastante así. É un proxecto que fala moito de min, aínda que poida parecer que non! Moitas veces, daría medio ril por esquecer algunha cousa, e outras, daría o ril enteiro por acordar. Non creo nas cousas brancas ou negras. Creo que hai de todo. E así son os meus textos, a imaxe e semellanza de min mesma.

(P): Tes moitas facetas profesionais pero, con cal se define máis a túa personalidade?

Escribir. Eu escribo dende fai máis de 30 anos. E é algo que sempre me acompañou. É o momento tamén para min de asumir que me sinto escritora, e que quero selo.

(P): Es membro xunto con Xavier Castiñeira e Ozkar Galán da compañía ButacaZero e dirixes dende o ano 2010 o Cadro Artístico Airiños, compañía de teatro en activo máis antiga de toda Galicia. Como ves a situación do teatro no noso país?

Pois como empresaria, véxoo mal, certamente. Coido que atoparás poucas persoas que che digan o contrario. Pola contra, como creadora, sinto que hai moita forza empurrando. Xa ves, unha de cal, e outra de area. Pero algo vai mal cando o teatro, verdadeiramente, importa tan pouco. Non se trata de botar culpas, se non de mirar. Eu vou bastante ao teatro, e non vexo a persoas que consideramos importantes nunca, no teatro. Non vexo políticos máis que eses aos que non lles queda máis remedio, non vexo, músicos, non vexo empresarios, nin pintores. O noso teatro, por desgraza, non está a afectar a vida social, nin a vida política. É unha mágoa, pero é así. Poderías facer calquera cousa, no teatro. Calquera cousa. Quen vai estar alí para velo? De que maneira pode o teatro cambiar nada?

(P): As letras e a cultura en xeral deben ter unha función política?

Si. Tamén outras, pero a política para min é necesaria. Ademais é que non pode non tela. Eu penso así. Se decides como creador/a estar á marxe, iso xa é política.  Unha concesión, política. Política é todo. 100%

(P): Cal é o seguinte proxecto ou proxectos que tes en marcha?

Agora mesmo estamos a traballar sobre #camiños, a vindeira produción ButacaZero, que se estreará en xaneiro en coprodución co CDG, baixo a dirección de Xavier Castiñeira. Falaremos da nosa terra, Galicia. É un traballo moi político, precisamente,  mesmo histórico por momentos. Pero moi divertido, con moita cor, moita plasticidade corporal e moita ironía. Outra das miñas características como creadora, e como persoa. Espero que guste moito. Aos que veñan, claro.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.