sther f. carrodeguas escribe "Na butaca", un experimento literario contra o esquecemento
sther f. carrodeguas escribe “Na butaca”, un experimento literario contra o esquecemento

Contra o esquecemento, aínda quedan as letras. Ou mellor dito, é o único que realmente pode quedar cando todo semella caer pola borda. Diso é consciente sther f.carrodeguas, unha artista multidisciplinar, que se formou entre as letras, o audiovisual e o teatro, que verte toda esta mestura na súa última obra.

Na butaca, que leva por subtítulo “fantasía n 3 en Dor Maior”, non pode encadrarse en ningún xénero, aínda que a situamos dacabalo entre a poesía, a arte e ata o xornalismo. Son palabras contra a demencia senil, o Alzheimer, esas doenzas que nos ameazan na vellez e que nos afastan do que un día fomos. Este libro, os obxectos convértense nunha obsesión, e teñen un simbolismo claro. A butaca, o televisor, ese cuarto dende o que se ve sempre o mesmo panorama, a ventá…

O esquecemento é, sen lugar a dúbidas, o peor que lle pode acontecer ao ser humano. Por iso, e como un berro, escribe esta rianxeira, para que algo de nós quede no mundo. Para facernos partícipes do que supón ver mermadas as funcións físicas e mentais dunha persoa, que xa non sabe o que é nin se é, e non lembra nada de si mesmo nin do seu arredor.

Ler Na butaca convértese nunha experiencia sensorial, pois aos versos hai que engadir as palabras soltas empregadas para conseguir evocar a dor, o baleiro e ese esquecemento. Así mesmo atopamos eses obxectos, e exclamacións, frases que se repiten ata a saciedade, o sen sentido.

Estamos diante dun libro herdeiro das vangardas, innovador na nosa literatura, e unha das mellores combinacións entre as diversas manifestacións culturais. E, ademais, á poética máis  crúa engadimos ese exercicio de xornalismo, pois por moito que escribamos sobre a perda de lembranzas, nunca será suficiente e fan falla estas propostas, que nos removan o corazón e nos fagan plantexarnos preguntas do tipo: por que un día de socato esquecemos o que fomos?

Na butaca é moito, aínda que con poucas palabras. É un manifesto. É un berro. É debate. É reflexión. É loita. É verdade. É aterrador. É medo. É calquera de nós. É presente, pasado e futuro. Pero tamén é salvación.

Ficha técnica

Título: Na butaca

Autora: Sther s. Carrodeguas

Editorial: Galaxia

Ano de publicación: 2017

Número de páxinas: 76