Entrevista Vanesa Santiago: “É importante coñecérmonos, saber de onde vimos, para valorar o que temos”

Vanesa Santiago, autora de "A vida sinxela de Marcelo Firmamento"

Vanesa Santiago converteuse na gañadora do Premio Illa Nova este ano coa obra A vida sinxela de Marcelo Firmamento, unha novela que xoga coa realidade e coa ficción para falarnos da memoria, dos soños e dun tempo e espazo que é necesario recuperar. Bibliotecaria e escritora, esta sadense defínese como unha fabuladora nata, pois é sobriña dos donos dun bar de porto, lugar sempre idóneo para a xénese dos mitos e das lendas.

Pregunta (P): A túa recente novela mereceu o Premio Illa Nova, que supuxo este galardón na túa carreira literaria, e máis recibíndoo dun mestre coma Méndez Ferrín?

Non podería describir con palabras todo o que supuxo para min recibir este galardón, malia dedicarme a elas. Primeiro en canto a visibilidade, coas páxinas en papel e tempo en antena que che ofrecen os medios, segundo en canto a seguridade como escritora, empezar a confiar en que o que escribes lle interesa a alguén, terceiro, en canto a credibilidade de cara a xente que non lle da valor á túa vocación ata que non se materializa en cousas tanxibles. Hai tanta xente a escribir que recibir un premio, e máis o primeiro na súa categoría convocado por unha editorial tan prestixiosa como Galaxia, que é moito máis o que recibes que o propio premio en si mesmo. Non digamos se aínda por riba o recibes de mans dun baluarte da literatura galega coma Méndez Ferrín, co de símbolo que ten como paso de testemuña, o “agora tócache a ti”.

(P): De onde xorde a figura de Marcelo Firmamento?

Nunca cansarei de explicar que Marcelo Firmamento xorde das miñas propias vivencias. A miña primeira infancia paseina nun bar de porto que era da miña familia, entre mariñeiros, e Marcelo Firmamento é o resultado desas lembranzas, un conxunto do que eles evocaban en min.

(P): O realismo máxico está moi presente na novela, pero moi en consonancia coa nosa Galiza. É imposible non pensar na relación entre Galiza e esa Sudamérica onde prende a chama desa tendencia. Que pensas desta simbiose?

O realismo máxico da miña novela é galego basicamente porque eu o son. Eu vivo aquí, e toda a maxia que poida atopar na realidade atópoa na miña contorna. Tampouco creo que o realismo máxico sexa específico dunha xeografía, senón que provén da literatura oral que se transmite de xeración en xeración e que se atopa en todas as partes do mundo. Con todo, no libro si fixen unha referencia concreta ao realismo máxico de berce sudamericano, que atopou o xeito de que a literatura fantástica, aínda agora non libre de prexuízos, en literatura respectable, ou respectada, hai xa algunhas décadas grazas a obras fabulosas como Cien años de soledad. Sempre me resultou unha condenada e marabillosa casualidade que Gabriel García Márquez, avoa Tranquilina por medio ou non, considerara este recuncho noso unha terra máxica. Recomendo a todo o mundo que busque por internet o artigo “Viendo llover en Galicia” e o lea. Unha pequena xoia.

(P): Es bibliotecaria, amais de escritora. Como se relacionan estas dúas disciplinas na túa vida?

Relaciónanse a través da lectura. Porque antes de ser bibliotecaria ou escritora fun lectora, o que, obviamente, condicionou ambas as vocacións. Aínda que hai persoas traballando en bibliotecas e escribindo que non aman ler, para min é un aspecto fundamental co que consigo, no primeiro caso, entender mellor as necesidades de quen aterra no chan da biblioteca, e, no segundo caso, compaxinar lectura e escritura coma dúas caras da mesma moeda. Ou así o entendo eu.

(P): Sada é un dos escenarios da novela, cal é seu sentido nela?

Sada e Fontán, ambos lugares por xunto, conforman o fogar do protagonista, o lugar a onde, por máis que viaxe, sempre anhelará volver, a súa Ítaca particular, onde recoñece cada carreiro, cada casa, cada rostro. É o porto da historia, de onde sae o barco da aventura para chegar, ao caer a madrugada do final, cargado de respostas e emocións.

A-vida-sinxela-de-Marcelo-Firmamento(P): A mestura entre realidade e ficción é unha das características máis salientables de A vida sinxela de Marcelo Firmamento. Por que decidiches mesturalas?

En realidade, non o decidín. Estou tan familiarizada coas historias fantásticas, que, aínda que pense que vou escribir algo sen rebentos fantásticos, acaban aparecendo os milagres por algures. Porque na vida, se sabemos mirar, sempre van aparecer pequenas marabillas para atravesar a porta do transcendente. Talvez unha onda a mollarte as dedas, talvez un arco da vella tras un día cincento, talvez un sorriso inesperado. Quen sabe. O fantástico asalta acotío a quen estea disposto a descubrilo.

(P): A Guerra Civil e a represión é un dos principais temas, aínda que a tratas dun xeito moi diferente a como estamos acostumados. Por que?

Hai personaxes da novela que padecen enormemente a causa da Guerra e das súas consecuencias, un deles especificamente por pensar dun xeito libre e ideal. Non obstante, para Marcelo é algo que, por mor da lousa de silencio que se impón sobre aquel intre histórico, vive como algo afastado. Ata que se decata de que lle toca máis preto do que pensaba. Eu creo que ese proceso o vivimos, ou deberamos vivilo, calquera persoa. Temos a ilusión de que a guerra, os fascismos e autoritarismos… están afastados, non van connosco, non os vivimos en primeira persoa, pero eses males e as feridas que provocan están entre nós e, aínda que decidamos pechar os ollos, non desaparecen. E podemos tomar partido activo para limpar as feridas pasadas derivadas dos ataques contra as liberdades e os dereitos humanos, é dicir, dignificar a memoria dos que as sufriron, e tentar evitalas agora, ou non, mais non podemos deixar de ser conscientes delas. A grande batalla de Marcelo é recuperar a memoria de seu, e no contexto creo que é bastante.

(P): «Que loucura. Como nos estendemos. Como medramos, sen que ninguén nos deteña, sen que sexamos capaces de frear. Como un impetuoso furacán. Como unha colonia de formigas famentas». Quizais un dos teus obxectivos á hora de recrear esta historia era frear o esquecemento dunha forma de vida que se vai?

Dende logo. Lembrar é unha forma de seguir sendo. Inocentemente, agardo que recapacitemos sobre o que estamos perdendo por non mirar máis alá dos nosos fociños. É importante coñecérmonos, saber de onde vimos, para valorar o que temos, as riquezas legadas dos nosos devanceiros, tan intanxibles ou incuantificables como a lingua, a paisaxe… Sabendo que hai cousas que van quedar na lembranza e outras que quero que sigan comigo e que poidan herdar aquelas xeracións que veñan atrás nosa. A sociedade actual prima o valor económico instantáneo sobre esa riqueza de longo percorrido, o que nos pode levar incluso á autodestrución. E, por outra banda, preocúpame como ese pechar os ollos, consciente ou non, á nosa historia e a dos outros que petan ás nosas portas, están xerando medos, odios e malentendidos que conducen a repetir, en cambio, erros horripilantes do pasado. E podería estenderme moito máis nesta reflexión.

(P): Que acollida está tendo a novela de Marcelo Firmamento?

Alguén me dixo que chorara co final. Esa é a mellor acollida que podía imaxinarlle.

(P): Cales son as túas preferencias lectoras á hora de elixir un libro?

Son moi ecléctica. Gústanme cousas moi distintas entre si. Ás veces quero pensar que é o que busco nunha lectura, e á única conclusión á que chego é que quero que me sorprenda. E a cousa non é tan doada como parece…

(P): E aí vai unha pregunta difícil… Que libros recomendarías para unha persoa á que non lle guste ler?

Sendo sincera, non creo que non haxa ninguén a quen non lle guste ler, porque escoitar historias (relatadas a viva voz ou lidas) forma parte da curiosidade innata do ser humano. O problema, neste caso, non é que a alguén non lle guste ler, senón que ese alguén non atopou o libro que o fixera namorar da lectura. E nin sendo escritora nin sendo bibliotecaria podes dar coa fórmula dez para atopalo. Se nin sequera podo anticipar que libro me vai atraer a min cando remate o que teño na mesa de noite…

(P): Tes en marcha algún proxecto literario do que nos poidas adiantar algo?

Como proxecto literario agora mesmo son coordinadora de Inicia Literaria, un colectivo no que publicamos textos e relatos de xeito virtual, e que satisfai a miña parte lectora. En canto a obra propia escrita teño un feixe de historias a medias que non dou rematado ata que, por algún tipo de conxunción astral, lles atopo o final. E entón vou trillando o camiño ata el.

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.