A vida sinxela de Marcelo Firmamento

Vanesa Santiago, autora de "A vida sinxela de Marcelo Firmamento"

O pasado domingo coñecín a Marcelo Firmamento. Coñecer, si. Dígoo ben, pois Vanesa Santiago preséntanos a un personaxe que ben podería ser unha persoa de carne e óso, un veciño calquera da nosa aldea, un soñador nato.

A escritora sadense, que pasa abondosas tempadas do seu día a día como xestora dunha biblioteca, constrúe n’ A vida sinxela de Marcelo Firmamento unha historia escintilante, moi próxima ao realismo máxico suramericano, mais con tinturas galegas. Pero non é Marcelo un home de destacar facilmente, nin un heroe,  senón que a súa vida é un continuo loitar por un soño, o de coñecer o seu pai desaparecido en estrañas circunstancias cando el aínda non nacera.

Marcelo é unha persoa de mar, dos que poucos quedan. A través da súa figura, Vanesa Santiago, recupera un tempo que se vai, ese tempo de loitadores e de historias que se quedan atrapadas entre as redes, tecidas nelas, na salitre dese mar que todo o sabe. Nel, Marcelo Firmamento vive a cabalo entre a realidade e a fantasía, e pola súa mente pasan os personaxes máis orixinais.

Cando me deixei cativar por este libro, pronto me invadiu a sensación de estar ante unha historia que gardaba outras historias máis pequeniñas pero con moita profundidade. A través delas crin estar escoitando aos meus avós, e a todas esas persoas maiores que garanten a permanencia da forma de ser e vivir dun pobo, e da súa loita particular. Porque, é certo, agora podemos ter de todo, ou crer que o temos, pero a sabedoría dos que nos precederon debería ser o noso maior tesouro.

O que nun comezo semella unha historia fantasiosa tórnase rapidamente nunha alegación a favor da liberdade cunha clara mención ás persoas que loitaron na Guerra Civil e que foron sometidas a represión ou condenadas ao exilio sen visos de volver xamais á terriña.

«Que loucura. Como nos estendemos. Como medramos, sen que ninguén nos deteña, sen que sexamos capaces de frear. Como un impetuoso furacán. Como unha colonia de formigas famentas».

Estamos diante dunha boa novela, que simboliza unha gran calidade do Premio Illa Nova, que este ano recuperou  a Editorial Galaxia, e que sen dúbida deixará o listón moi alto para as vindeiras convocatorias.

Ficha técnica

Título: A vida sinxela de Marcelo Firmamento

Autora: Vanesa Santiago (Premio Illa Nova)

Ano de publicación: 2017

Editorial: Galaxia

Número de páxinas: 200

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.