PRESENTACIÓN
Está ben ler, aínda que sexan libros de Rowling, pero non nos confundamos, nisto hai clases. Un paralelismo: ver a tele pode ser bo ou pode ser un exercicio de baldío paso do tempo. Gran Hermano ou Sálvame arrasan, pero La2 marcou un fito de audiencia con “A morte tiña un prezo”. Qué é mellor? Dende a subxectividade do gusto persoal calquera das opcións é boa, dende o punto de vista cultural, non. Tentaremos, pois, mostrar libros e autores recoñecidos universalmente polo seu achego ás letras, ao noso modo de ver a vida e o mundo que nos rodea e nos asolaga, mais que pensamos non esquecidos, pero si faltos do recoñecemento que merecen, sobre todo por parte de novos lectores. E se conseguimos un só novo lector para Cunqueiro, o noso elixido nesta ocasión, considerarémolo un trunfo. E non buscamos un recoñecemento dos medios nin masivo. Sinxelamente agardamos que a maxia de agarrar un libro, abrir as páxinas e ler o contido das mesmas, ese exercicio esquecido e desprezado, volva ter sentido, cambie os nosos puntos de vista, nos converta en máis escépticos, menos dogmáticos, máis inseguros, menos prepotentes. Porque veremos que todo está escrito, que cada feito que pensamos novidade está pasado a letra escrita dende fai séculos por xente coma nós, que sufría, choraba, gozaba… pero que tiña o talento inmenso e o interese inaprazable de transmitir o seu sentir.
MERLÍN E FAMILIA
Cunqueiro é un grande das Letras. Non das letras galegas ou españolas. É un grande da literatura universal. Moitos feitos así o testemuñan, non é unha afirmación feita sen base nin guiada polo gusto persoal. Nunha recente colección de obras literarias fundamentais do século XX (editada polo diario El País), xunto con monstros da talla de Joyce, Hemingway ou Faulkner, atopamos dous libros galegos: o Cantares Galegos da deusa Rosalía e o Merlín e familia. É significativo que premios Nobel, artistas recoñecidos e admirados mundialmente compartan colección co noso escritor. Non cabe dúbida de que a frase dita, nin máis nin menos, que por GG Márquez: “Cunqueiro debería ter o Nobel” aproximábase bastante á consideración real que se lle debería ter ao mindoniense. É que a obra de Gabo ou Faulkner ten moitos puntos similares á de Cunqueiro: se temos en conta que un escritor excelso se diferenza dun gran escritor en ser quen de crear un imaxinario propio, un mundo fundado a partires da realidade próxima pero moldeado como se existise paralelamente, os parecidos entre a Galicia de Cunqueiro, a selva de Esmelle (lugar imaxinario pero real onde transcorren as tramas de Merlín e familia), o Macondo de GG Márquez ou o condado de Yoknapatawpha de Faulkner son eses universos novos concibidos á medida dos narradores. Esa capacidade de fabular, amencer novas paraxes, lugares históricos mesturados con antigas crenzas medievais, personaxes enchidos de matices e fondo, de calidade humana e forza vital… fan da lectura do Merlín un exercicio de gozoso viaxe cara un mundo enteiro pendente de colonizar pola nosa imaxinación.
Cunqueiro, na súa extensísima obra e grazas á súa extraordinaria capacidade e recoñecida cultura, tocou tódolos eidos: ensaio, novela, relato, poesía… pero se só nos fixásemos nas súas tres maxistrais novelas en galego (Merlín e familia, Se o vello Simbad volvese ás illas e As crónicas do Sochantre), sería máis que suficiente para consideralo un xenio. O recentemente premiado MV Llosa en diversas entrevistas confesaba que o que non aguantaba en calquera das manifestacións artísticas de hoxe en día era a “pretenciosidade”. O noso escritor está moi lonxe diso. Dono dunha maxia para definir situacións, describir con dous trazos sinxelos e certeiros unha personaxe e almacenar no maxín do lector unha épica intelixible e propia, o narrador, en cada capítulo do Merlín, afonda no coñecemento sobre o medievo, a personalidade das xentes e a ilusión do que le ata chegar a un punto de sufrimento propio, de empatía co medio e os protagonistas, de crenza marabillosa do lido que só un privilexiado pode alcanzar. E para lograr ese obxectivo evita efectismos, fogos de artificio, narrando cun ton sinxelo pero coidado, lixeiro pero culto. O que se denomina “realismo máxico” e que ten en GG Márquez ou MV Llosa dous claros expoñentes, en Cunqueiro non é unha corrente á que adherirse, un xénero que copiar, non, é unha maneira de entender a literatura, o seu modo de transmitir toda unha pléiade de ideas, sentimentos, cultura celta e unha liberdade para fabular que se lle escapaba entre os dedos.
Por rematar. Cando Faulkner leu O vello e o mar por primeira vez dixo que Hemingway acababa de “descubrir a Deus”. Nós non imos ir tan lonxe, pero a experiencia de ler por primeira vez Merlín e familia, penetrar a selva de Esmelle, convivir co mago e as súas xentes, deleitarse coas fábulas e aventuras dende os ollos do seu servinte, atopar que no cotián pode ficar agochado o inverosímil é un pracer que só se da unha vez na vida e que pediriamos ao mesmo mestre Merlín que nos concedese cada vez que abrísemos as tapas da obra máxica de Cunqueiro.