Entrevista Cris Pavón: “Xa abonda coa historia do amor romántico escravizante no que te tes que manter casta e pura”

Cris Pavón iníciase na literatura con "Sangue 12", unha novela sobre vampiros, tecnoloxía e feminismo

Cris Pavón escribiu unha historia de vampiros, feminismo, tecnoloxía, e a cabalo entre dous séculos. Sangue 12, publicado por Urco Editora xa fai uns anos, é un libro protagonizado por adolescentes pero que ben pode facer reflexionar a todo o lectorado que se achegue a el. Con este arranque no panorama literario galego, esta profesora de informática vén para quedarse, e así o demostrará coa segunda publicación, que sairá este outono e que se titula Limiar de conciencia.

Defensora dos dereitos das mulleres, confesa que aínda queda moito por camiñar, e que é necesario que vaiamos deixando a un lado a crenza no amor romántico, ese que escraviza ás persoas. Cun tratamento orixinal e atrevido, Sangue 12 era a novela que facía falta na nosa literatura contemporánea.

Pregunta (P): Como xorde unha historia de vampiros, tecnoloxía e feminismo?

Son temas cotiáns, mesmo o dos vampiros, que xa non son tan nocturnos como adoitaban.

Quería ir do século XIX ao XXI, da primeira Revolución industrial ao teléfono móbil. Unha vampira era alguén perfecto para percorrer ese período de dous séculos, e que amais, pola súa condición de muller, vai experimentar en primeira persoa do  feminino os usos da sociedade patriarcal.

(P): Aínda que se trata dunha novela para todas as idades, é máis idónea para o público xuvenil. Como chegou a novela aos máis mozos?

Supoño que por lla enviar a Urco, e eles a editar. Que as protagonistas sexan adolescentes predispón a dirixila a un lectorado novo, malia non ter porque ser ese exclusivamente. En calquera caso, eu tiña gana de escribir sobre esa época da vida, por unha banda, e por outra, escribir algo ben diferente da anterior novela, Limiar de conciencia.

(P): Sangue 12 é unha novela de vampiros pouco ao uso. Que querías transmitir con ela?

Quería ser irreverente e divertida. E que personalidades como Ada Lovelace, ao través da súa famosa criatura, Mary Shelley, tiveran protagonismo. E que o sangue menstrual fose obxecto de desexo.

(P): É imposible non pensar nas sagas que xurdiron arredor do éxito da novela vampírica Crepúsculo, que non deixan de ser máis que sucedáneos da outra. Cal é a túa opinión sobre esta moda?

Pois non teño opinión, porque non as coñezo. Pero se seguen o enfoque de Crepúsculo, serán ben patéticas. Xa abonda coa historia do amor romántico escravizante no que, aínda por riba, teste que manter ‘casta’ e pura.

De vampiros teño lido os clásicos, dos que Carmilla é a miña preferida. E por suposto teño visto unhas cantas películas. Algunhas citadas na novela, como ‘Crepúsculo’ e ‘Drácula’ de Coppola. Unha que non citei expresamente e influíume bastante foi ‘Déjame entrar’, pois ver aquela rapaciña vampira deume a pista do que andaba a buscar.

Tamén hai outra película que ten relación coa xestación desta novela, ‘Planeta Sangriento’ (Queen of Blood) que na infancia provocárame tantos pesadelos que tiven que deixar de ver pelis de ciencia ficción unha longa tempada, por prescrición materna. Décadas despois, por casualidade, vina na televisión e case tiven con ela unha desas experiencias madalénicas. Volvín sentirme a rapariga de cinco anos que fora aterrorizada por aquela vampira de ollos luminosos en transo de alimentarse, imaxes que asemade á adulta resultábanlle entenrecedoras polo seu naïf terror e escaseza de recursos (os ollos luminosos lográbanse enfocándoos cunhas lanternas…). A reflexión sobre o paso do tempo, que nos fai irrecoñecibles a nós mesmos e aos nosos medos, o desexo de non medrar, foi tamén un dos fíos a tecer nesta novela.

(P): Escolliches dúas protagonistas mulleres. Cres que fai falta que nós teñamos un papel máis protagonista na literatura?

A literatura reflicte e, quero crer, constrúe o real, xunto con outras manifestacións e discursos sociais. Así que por suposto, non so é necesario maior protagonismo das mulleres, senón maior recoñecemento para as que xa o teñen.

(P): En Sangue 12 opóñense dúas historias do século XIX e XXI e parece que non estamos tan lonxe. Por que esta ambientación?

No século XXI estamos lonxe do XIX en nivel tecnolóxico, mais estamos preto en niveis de desigualdade. Os suburbios londinenses victorianos espalláronse a todo o globo. Tocante ao tecnolóxico quería facer unha elipse estilo Kubrick pero en pequeno, indo do Hard Times de Dickens, da mugre, as ruidosas máquinas de vapor, a explotación laboral, e infantil, a primeira computadora concibida, a Máquina Universal de Babbage, até os smartphones que chían e zunan ao longo da novela para reflectir o esenciais que son para un adolescente no primeiro mundo. Non para os do terceiro que seguen a ser explotados coma obreiros, ou maquiladoras.

En relación á protagonista, a confluencia dos persoeiros na Vila Diodati no verán de 1816 marca un fito na vida de Palmira. A orixe do seu vampirismo ten directa relación co relato do Vampiro que Polidori lles fai a ela e aos seus familiares e achegados. E a súa relación con Ada Lovelace vén dada polo que se desencadea logo dese encontro, algo que me serve tamén para percorrer a mudanza na condición da muller, en douscentos anos. E o que ten que seguir a mudar.

(P): Non notas que os adolescentes están cheos de historias nos móbiles, pero que apenas len libros?

De historias estamos cheas todas as persoas, adopten estas o formato e o soporte que sexa. As narracións confórmannos, son parte de nós. Certo que contra a lectura hai moita oferta de ocio, que pode resultar máis atractiva por requirir menor esforzo, tanto para adolescentes como para adultos. Pero non é algo novo, verdade?

Tamén, cando escoito algunhas das lecturas obrigatorias que lles piden a rapaces de 15 ou 16 anos, non o entendo. Lecturas moi esixentes e moi afastadas dos seus intereses e capacidades, en xeral, como El Quijote. É un xeito de facerlles odiar a literatura.

(P): É imposible non pensar nas túas lecturas. Que le Cris Pavón, máis novela que outros xéneros, máis distopía que realidade…?

Son omnívora, e dáme por temporadas. Algunhas só de ler ensaio. Sempre máis narrativa que poesía, aínda que intento frear esa tendencia. Leo sobre os temas que me obsesionan, non só literatura, por suposto, xa o facía antes de poñerme á escrita e agora aínda máis. Fáltame tempo para ler todo o que quero, claro.

(P): Proximamente sairá en Urco Editora a túa seguinte novela, Limiar de conciencia. Podes adiantarnos que nos imos atopar nela?

Un artefacto xerador de narracións que aplica sobre si o mecanismo narrador co que foi construído. Unha novela complexa, con hibridación de xéneros, que beirea a ficción científica para nos situar nun universo no que a intelixencia dos ordenadores é unha realidade.

A narradora e protagonista é LIDIA, unha máquina lingüística que realiza traballos de tradución, sofre unha avaría no sistema de comunicacións e queda illada. Os reiterados fracasos no seu intento de restablecer as comunicacións fan que dirixa o seu traballo cara á tarefa narrativa. No seu relato perfílase un protagonista, Diego, quen ha de xogar un papel esencial no desenvolveme

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.