Caitlin Moran, autora de "Como ser muller"
Caitlin Moran, autora de “Como ser muller”

Confeso que nunca antes me rira tanto cun libro como ao ler a Caitlin Moran e o seu Como ser muller, traducido ao galego da man da editorial Rinoceronte. Confeso tamén que era un libro que, dende que o vira publicado xa fai uns anos, tiña moitas ganas de lelo, aínda que nunca atopara a oportunidade ata que o vin na miña lingua e me aventurei.

Digo aventurei, e nunca mellor dito, pois descubrín outra forma de ver o feminismo: o de tomalo con humor. Pero ben, poñámonos en situación.

Caitlin Moran é unha recoñecida columnista, entrevistadora e crítica inglesa que se define como feminista dos pés á cabeza, pois como o seu marido lle di a cotío, o feminismo consiste simplemente en “que todo o mundo se comporte educadamente cos demais”. Segundo a autora, que recibiu o premio en 2010 á mellor columnista do ano, se seguísemos esta máxima, non habería machismo, pois todos e todas seriamos iguais.

Mais non é este un libro tremendista, nin un tratado desesperanzador, senón unha serie de reflexións ateigadas de sarcasmo, humor e moita retranca. E si, aínda que a autora sexa inglesa participa moito e moi ben deste estilo noso de rirnos de nós mesmos, técnica que se ve á perfección coa tradución que Moisés Barcia fai.

Como ser muller é delirio puro. Nel, Moran íspese para contarnos como o pasou mal por ser gorda, como reaccionou ela e o seu entorno cando lle comezou a crecer pelo por todas partes, os malabarismos que tivo que facer para mercar suxeitadores e outras prendas, o descubrimento dos pubs e as técnicas de namorar, e ata reflexiona sobre os pros e contras de ter ou non ter fillos, e do aborto, cuestións nas que sempre está presente a mirada machista. Xa dixen que o humor é a técnica deste libro, que se complementa coas referencias a todos os libros, cancións e demais que achegaron algo de luz neste mundo de loita pola igualdade entre homes e mulleres.

Este libro ten outra vantaxe: a de achegar o feminismo á xente de a pé, fuxindo desas correntes máis academicistas que non conseguen nada máis que discutirse só en determinados sectores estancos. Cun estilo xornalístico, moi pegado á columna, a autora define esta contribución como “un relato bastante exhaustivo de todas as ocasións en que tiven moi pouca – ou en moitos casos, ningunha- idea… de como ser muller”.

Unha gran proposta que merece saír á rúa e lerse en todos os ámbitos, pois fala de ser muller e de vivir en xeral. Moi moi recomendable!

Velaquí unha definición do que é ser feminista, segundo a autora:

“Quizais te esteas preguntando: “E eu son feminista. Se cadra non. Non o sei! Sigo sen saber en que consiste! Estou demasiado esgotada e confusa para descubrilo, e aínda non montei a barra da cortina! Non teño tempo para descubrir se son unha militante feminista! Parece unha cousa difícil. PERO QUE SIGNIFICA?”.

Entendo.

Así que velaquí o xeito máis rápido de descubrir se es feminista. Mete a man dentro da braga e responde:

  1. Tes vaxina?
  2. Queres ser responsable dela?”

Ficha técnica

Título: Como ser muller

Autora: Caitlin Moran

Ano de publicación: 2011

Ano de edición: 2017

Editorial: Rinoceronte Editora

Número de páxinas: 341