“Sublebábame agardar á súa morte para ateigalo de loas e homenaxes, como tantas veces se fixera con outros persoeiros da cultura. Con Afonso eu quería chegar a tempo”.
Atendendo á cita anterior xa tod@s saberemos que estamos diante dunha historia sobre a memoria histórica. E indo máis alá, o libro do que está sacada é Blues para Moraima, a recente novela de Miguel Anxo Fernández, coa que o autor vén de gañar o Premio Blanco Amor 2016. E, como nas anteriores novelas do autor nas que a intriga é o eixo condutor, aquí non ía ser menos e preséntanos unha historia na que o pasado e o presente se relacionan e na que os mecanismos literarios se manexan ao detalle para que o lector non queira parar de ler. Quizais esta é a principal virtude, aínda que o libro é moito máis.
Blues para Moraima conta as peripecias dun cineasta que nos tempos da Guerra Civil se vira obrigado a fuxir ao país mexicano, e como terá que enfrontarse a vellas historias deste tempo cando decide na actualidade retornar á Galiza. Esta aventura, que está auspiciada por un xornalista de televisión que o anima a voltar ás orixes e a contar todo o pasado, terá unha serie de desencadeantes que nos levan directamente aos porqués do odio, das envexas e das denuncias nunha época na que ser mellor có veciño podía ser vital para sobrevivir.
Non é esta unha novela que teña soamente como tema o da memoria histórica, senón que ao través dela veremos moita denuncia e crítica social. O autor do Carballiño non deixa a ninguén indemne e aproveita a voz dos seus personaxes para falar sobre a función da televisión pública e dos poderes que están detrás dela, amais de todos os problemas cos que teñen que lidar día a día os xornalistas que queren levar adiante un determinado formato televisivo que, digamos, non se axusta ao convencional.
Semellantes debates se recrean arredor do cine e do seu papel ao longo da nosa historia, rendendo unha homenaxe a todas as persoas que empregaron este mecanismo para documentar o vivido e para legar á posteridade unha determinada forma de entender o mundo que lles tocou vivir.
Por iso, Blues para Moraima é unha novela completa, na que funciona a intriga e na que se reflexiona sobre moitos dos instrumentos necesarios para que unha democracia funcione, aínda que sexa cunha aceda crítica subliminar.
Ficha técnica
Autor: Miguel Anxo Fernández
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2017
Número de páxinas: 255