Un día alguén descobre que historias narradas por xentes de todo o mundo podían soar moi ben na nosa lingua. Un día alguén descobre que a normalización lingüística do galego pasa por dar a coñecer grandes obras nesta lingua. Dese desexo e, por que non, loita, nace en 2005 a Editorial Rinoceronte, con sede no municipio de Cangas do Morrazo, onde traballan catro persoas baixo a dirección de Moisés Barcia, coa función de dar a coñecer grandes obras na nosa lingua, e cun deseño que achega un ‘plus’ ao narrado. Falamos con Moisés Barcia e con Anxa Correa, que nos contan o que supón ser editor hoxe en día. Unha tarefa de titáns.
Pregunta (P): Como xorde a idea de traer obras internacionais á lingua galega?
O fundador de Rinoceronte, Moisés Barcia, é tradutor. Antes de fundar Rinoceronte traducía para outras editoriais, e percibía unha situación de desvantaxe do galego importante no que atinxe á tradución de obras ao noso idioma da literatura universal, tanto clásica como actual, e a xente tiña asumido que a lingua para ler autores estranxeiros é o castelán. Deste xeito, decide formar a primeira editora galega especializada en tradución, no ano 2005, coa idea de normalizar a literatura estranxeira no noso idioma.
(P): Quen forma a editorial Rinoceronte?
Á parte do director, Moisés Barcia, que edita e traduce, actualmente traballamos catro persoas, encargadas tamén da tradución, revisión, maquetación, deseño, promoción e administración.
(P): Moitos dos libros que vós editades teñen xa un percorrido exitoso noutras linguas, supón iso que os lectores/as os acollen moito mellor?
Sucede así con libros como A Sociedade Literaria e do Pastel de Pel de Pataca de Guernsey, por exemplo, ou con Persépole. Outras veces, que o autor ou autora sexan coñecidos tamén axuda, como pasa con Claudel ou con Paasilinna. Pero por sorte ás veces os lectores coñecen novas obras ou autores grazas á tradución ao galego.
(P): Dende a vosa web podemos escoller os gustos que temos para que se nos recomende unha lectura concreta, como funciona este servizo?
Esta idea partiu de buscadores que teñen plataformas audiovisuais, como pode ser Filmin, que che recomenda unha película segundo o teu estado de ánimo. Hai veces nas que che apetece ler algo denso; outras veces só necesitas que unha lectura che faga pasar un bo momento; e outras, tes gana de coñecer outros países ou outras épocas históricas. Tendo en conta iso, cada ficha do libro leva asociada unha etiqueta de entre unha pequena selección delas, e en función do que che apeteza, a web suxíreche libros que poidan encaixar nesa selección.
(P): Outros países e culturas teñen presenza na nosa comunidade, pero, cal é a situación da literatura galega fóra de Galiza?
Aínda que vivimos dentro dun Estado plurilingüe, non existe igualdade de condicións entre as distintas linguas cooficiais do Estado. Dalgunha maneira, acéptase que o que se produce nesta parte da península ten que quedar confinado aquí e que o pouco que poida chegar traducido ao castelán ou a outras linguas, ten que quedar reducido a dous ou tres autores. En España esperta máis interese un autor nórdico europeo que un autor nórdico de aquí. E por iso lanzamos o selo Pulp Books, para dar a coñecer autores galegos actuais fóra de Galiza. Se falamos xa de dalos a coñecer fóra de España, xa é unha labor aínda máis titánica, que requeriría un interese real por parte do Estado ou, cando menos, do goberno autonómico, por dar a coñecer autores que escriben noutras linguas diferentes ao castelán, que non existe.

(P): Rinoceronte Editora caracterízase por un deseño no que impera a sinxeleza e a sobriedade, o que leva a que sexan portadas facilmente recoñecibles, que queredes comunicar con elas?
Queremos comunicar unha imaxe de calidade, elegancia e profesionalidade. Anteriormente queriamos intentar achegar algo do contido da obra unicamente a través da cor da capa. Agora tentamos ofrecer algo máis de información sobre o contido a través do deseño, pero tentando manter o noso estilo.
(P): A miúdo escoito que a tradución en Galiza non goza de moi boa saúde, xa que é algo con moitos custes e que non sempre conta cos apoios necesarios. No voso caso, varias das propostas literarias están subvencionadas pola Secretaría Xeral de Cultura. Que supón a labor da tradución hoxe no noso país? Son suficientes estas axudas?
O problema da tradución en Galicia é o problema da cultura en xeral. Vivimos nun país con baixos índices de lectura e de consumo de produtos culturais, e a situación de crise e de falta de perspectivas laborais que arrastramos dende hai anos non axudan. O ideal sería que os cidadáns consumisen libros en galego –de autores galegos ou estranxeiros– nunha cantidade en consonancia cos case tres millóns de galegos que somos, o cal permitiría que non fosen necesarios os subsidios. Pero como non é así, é de agradecer que existan unhas axudas á tradución que, sen ser perfectas, permiten que cada ano a nosa e outras editoriais poidan publicar novos títulos traducidos que doutro xeito serían inviables.
(P): As estatísticas falan por si soas, alértasenos de que cada día os españois lemos menos, é difícil o día a día dunha editorial sabendo isto ou sodes máis positivos?
Se pensásemos sempre no vaso medio baleiro, pechariamos a porta e marchariamos para a casa. Publicamos pensando no vaso medio cheo e tentamos chamar pola chuvia, para tentar que vaia subindo o caudal.
(P): Supoño que será tan difícil coma no caso dos fillos, pero non podo resistirme a preguntarvos cal dos vosos libros é o máis querido e por que?
Tal vez O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna, o primeiro da Colección Contemporánea, un libro divertido, interesante e que nos ten dado alegrías.
(P): O que si está claro é o coidado que poñedes na tradución e na escolla de libros que nos fagan sobre todo pensar e reflexionar, amais de pasar un bo momento, é difícil competir coa manchea de novidades que día a día se atopan nas librarías?
É moi difícil, xa que se publican moitas obras interesantes e hai unha chea de editoras. Ter un catálogo coherente, consistente e interesante non abonda; pode haber lectores “fieis” ao noso selo, pero buscamos conquistar novos públicos. Por iso abrimos a Colección Nova a obras que non terían cabida na colección Contemporánea, e apostamos por un novo deseño das capas, no que procuramos non tanto que se identifique o noso selo, como acontecía ata agora, como destacar o libro na mesa de novidades.
(P): Hai tempo dicíase que só lían en galego as persoas comprometidas coa nosa lingua. No voso caso tedes esa percepción ou as cousas mudaron xa moito hoxe en día?
Cremos que dende hai uns anos, coa aparición de novas editoriais e a publicación de moitas máis traducións, a oferta de libros en galega é variada e cun nivel de calidade alto, co cal xa non é necesario ser unha persoa comprometida co galego para ler libros en galego. Por outra banda, hoxe en día xa todo o mundo sae da escola sabendo ler e escribir en galego, de forma que pode ler un libro na nosa lingua á marxe do seu compromiso.
(P): Como é o día a día nunha editorial?
No día a día imos traballando en varias frontes. Cada persoa ten un traballo de fondo (tradución de libros, maquetación, deseño, promoción, revisión de textos, atención ao público e pedidos, xestión do almacén, facturación, traballo burocrático…), e logo hai un traballo de planificación e organización no que poñemos en común ideas e facemos unha previsión do que se vai publicar e os prazos. Tamén traballamos con tradutores externos, deseñadores, autores, etc., cos que estamos en contacto principalmente por correo electrónico.
(P): Que libros / propostas imos poder ler no que queda de ano por parte de Rinoceronte Editora?
Dentro da colección Vétera publicaremos unha das obras de maior éxito na historia literaria da India, o Pañcatantra, un clásico universal que foi unha das principais fontes da fabulística europea, e que será a primeira tradución que coñecemos do sánscrito ao galego.
Para a colección Nova temos previsto publicar obras moi diversas: dende Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo, de John S. Potter (un libro de aventuras e viaxes do autor norteamericano que co seu equipo de mergulladoresbuscou o tesouro de Rande, na ría de Vigo, nos anos 50), á divertida Como ser muller, de Caitlin Moran, ou O rapaz que nunca existiu, de Sjón.
E retomaremos a colección Novela Gráfica con Maus, de Art Spiegelman.