Recoñezo que son unha lectora de historias duras, reais, desas que se adoita dicir que removen por dentro e nos fan tomar conciencia de algo. Aínda sendo consciente do que me agardaba, a dureza e a crueldade da novela Purga rompeu todos os meus esquemas.
Purga, da finlandesa Sofi Oksanen, foi publicada orixinalmente no 2009, e acadou nos últimos anos premios tan prestixiosos como o de Literatura do Consello Nórdico, o Premio Femina de Francia e o Premio á mellor novela europea do ano. Tras moito tempo entre os meus pendentes, esta novelaza chega a min da man da editorial Rinoceronte, que está especializada en traducir á nosa lingua novelas que nos removan e nos fagan reflexionar.
Estamos diante dunha historia estarrecedora, moi crúa, na que se mesturan dúas realidades do país estoniano, as purgas estalinistas do pasado e o presente máis inxusto, no que moitas mozas son obrigadas a prostituírse noutros países co soño de lograr conseguir unha vida mellor. Estas dúas circunstancias únense aquí a través dunha rapariga que logra fuxir dos seus captores, e unha anciá que vive nunha afastada rexión e que non ten máis quefaceres que ver pasar o tempo e coidar das súas galiñas. Unha rapariga fuxe co medo a ser sometida de novo polos seus secuestradores, e xa imaxinará o lector que vén dar á casa da señora maior da que falamos.
Chámanse Alide Truu e Zara, e a partir do que contamos, o lector non será quen de imaxinar todo o que lle pode chegar a un ser humano ata que le Purga e se decata de que realmente aínda quedan moitas crueldades no mundo sobre as que escribir.
A historia de Zara podería ser a de calquera moza con soños de ter unha vida mellor, e por iso só vive coa inocencia todo o que lle pasa, ata que un día descobre que o seme é o que domina unha parte grande do mundo, e que ela estará sometida a el, a eles.
“Malia todo aquel seme, todos aqueles pelos, todos aqueles pelos na gorxa… aínda así o tomate seguía sabendo a tomate, o queixo a queixo, e o tomate con queixo a tomate con queixo, por moitos pelos que aínda lle quedasen na gorxa. Se cadra iso significaba que seguía viva”.
Na súa fuxida, Zara atópase con Alide Truu, esa señora maior da que non sabemos nada ata que descubrimos que o pasado ten un forte peso nas súas actuacións presentes, e que o medo e o amor aterraron desde ben nova a súa vida.
As historias ensámblanse de forma mestra, pois a autora manexa á perfección o ritmo e os tempos literarios, e por iso vai saltando do presente ao pasado e dunha á outra das personaxes, ata desembocar nun final que nos deixa pensando sobre a explotación sexual e o peso que ten aínda agora a represión sufrida polos habitantes do país estoniano.
Purga é, en definitiva, unha historia dura, con parágrafos que doen e que teñen moitos deles un cariz vomitivo, característica que fai que a novela non sexa apta para todos os momentos, senón para aqueles nos que nos atopemos totalmente lúcidos e fortes. Faranos falta para non sucumbir ante tanta podredume.
Ficha técnica
Autora: Sofi Oksanen
Tradución: Tuula Ahola
Ano de publicación: 2007
Ano de edición. 2011
Editorial: Rinoceronte
Número de páxinas: 347