Se alguén quere coñecer en profundidade sobre a literatura galega, é obrigado visitar a páxina/ blog Caderno da crítica, dirixida por Ramón Nicolás, un home ben coñecedor da nosa lingua, que ten traballado arreo por dar a coñecer o que se coce nas nosas fronteiras. Herdeiro desta literatura contemporánea da que tanto coñece, e xa con varios ensaios ás súas costas, este ano decidiu atreverse coa súa primeira novela, O espello do mundo, na que mestura varios xéneros, para crear unha historia de recuperación do papel das mulleres na Idade Media, e a importancia de acudir ao pasado para entender o presente. Da xénese da súa novela, do seu papel como crítico e ata da súa experiencia na pasada na revista Que Leer falamos nesta conversa, a primeira que publico en galego neste blog.
Pregunta (P): Dirixes a páxina web Caderno da crítica, ¿como xorde este proxecto de promoción da literatura galega na rede e cal é a súa función?
O meu obxectivo foi aproveitar as potencialidades da rede para difundir, neste medio, o traballo crítico ou divulgativo que levaba a cabo xa desde tempo atrás noutras plataformas analóxicas. A súa intención sempre foi, pois, divulgativa co propósito de abrir unha nova ventá, pois naquela altura xa existía algunha como a do crítico X. Manuel Eyré, para visibilizar o traballo de voces contemporáneas da literatura galega. Aos poucos foron aparecendo outras “seccións” como as centradas nos manuscritos, algunha entrevista ou a dos chamados “Cuestionarios Proust” que cumpren idéntica función. O “Caderno” dalgún xeito, supón unha parte relevante da miña propia identidade dixital polo que tamén acolle, por veces, outro tipo de comentarios, crónicas ou información sobre cuestións que me atinxen máis persoalmente.
(P): Despois de tanto escribir sobre libros, este ano decidícheste a publicar a túa primeira novela O espello do mundo, como o está acollendo o público?
A decisión foi meditada pois supuña internarme noutros camiños que só percorrera tanxencialmente tempos atrás. Con todo, non podo negar que a acollida foi e está a ser moi xenerosa, tanto no que atinxe ao público lector como o da crítica.
(P): Mesturas o mundo actual coa documentación histórica. É sempre o pasado unha boa fonte para explicar o presente?
A novela presenta varios planos temporais pero xorde dunha igrexa románica, o único resto dun cenobio feminino do século XII rodeado, na actualidade, dun xeriátrico construído cunha inspiración arquitectónica moderna. Aí xa hai, de seu, un contraste brutal, unha metáfora con moitas lecturas que quixen encher de contidos. E o primeiro deles era o intento de deseñar a vida cotiá, naquel preciso lugar e naquel tempo, e que se proxectase na actualidade. Loxicamente, botar a ollada atrás non é o único recurso posible para explicar ou reexplicar o presente pero para o que eu quería comunicar resultaba necesario e, de feito, a recuperación da memoria é un dos eixes polos que camiñei conscientemente nestas páxinas.
(P): Todo xira arredor do cenobio feminino de San Pedro de Ramirás, en Ourense, cal é a historia deste mosteiro?
A particularidade do cenobio radica no lugar que se erixía, que posuía unhas características particulares por estar emprazado nun espazo con moitos recursos e, ao tempo, por lindar con outros mosteiros poderosos relativamente próximos como o de Celanova, mais sobre todo resulta relevante o feito de ser un convento rexido e poboado unicamente por mulleres. Había máis na Galicia do seu tempo pero esta memoria foise diluíndo no tempo cando as autoridades eclesiásticas decidiron pechalos e enclaustrar ás abadesas e as monxas dos conventos femininos no espazo compostelán de San Paio de Antealtares, por diversas motivacións, económicas tamén, pero nas que salientaba a acusación de levaren vidas licenciosas nalgúns casos. Esta parte xa non a recollín na novela e centreime máis no seu tempo de apoxeo, seguindo a pista dos documentos conservados do propio convento. No século XX houbo un período no que volveu estar activo, mesmo poñendo escola, pero finalmente abandonouse e hoxe en día só queda en pé a igrexa románica que facía parte del.
(P): Hildegarda von Bingen foi unha alemá moi adiantada ao seu tempo, por que te decantaches por ela para incluíla como parte deste novela?
A súa presenza xorde ao fío doutra personaxe chamada Ona Guiomar que no fondo é unha abadesa de forte personalidade na que quixen encarnar o espírito de todas as abadesas que tiveron postos de responsabilidade ao longo da historia do cenobio. Hildegarda von Bingen é, neste caso, unha personaxe absolutamente fascinante, que compartiu unha época, un espírito, mesmo unha orde relixiosa con Ona Guiomar e facíase necesario para min exhibir o espírito colaborativo que ambas as dúas abrazaban, o seu intercambio de información e de experiencias persoais.
(P): Os que crían na medicina fronte aos que se negaban a empregala nun tempo escuro, ¿que hai de verdade neses diarios que inclúes de remedios curativos naturais?
Eses textos que sinalas, e outros semellantes, queren ser fieis á época en que foron ideados e escritos e a súa intención é xustamente a do intercambio dunha información que era moi valiosa naquel tempo. Trátase, en moitas ocasións, de ensaios da “proto-medicina” e como tales cómpre entendelos, sobre todo á luz dunha época moi concreta.
(P): A palabra ‘ona’ é moi importante na novela, que significado adquire?
Esta é unha singularidade filolóxica que se conserva nos documentos do cenobio que chegaron ata hoxe. En ningunha outra parte existe constancia escrita desa denominación singular que recibían as abadesas do convento.
(P): O teu ensaio Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro foi tamén amplamente aclamado, que papel ten este na historia da literatura galega?
Particularmente sigo reivindicando a relevancia do legado literario que Celso Emilio Ferreiro nos deixou. A súa obra foi exemplar e segue a estar, a meu entender, de plena actualidade. E máis nuns tempos como os que hoxe vivimos.
(P): Tras 25 anos exercendo a crítica literaria é inevitable que vises moitos dos cambios que experimentou a literatura, pero quizais o máis salientable son as formas de opinión, ¿como ves o panorama das críticas en blogs ou nos tradicionais suplementos culturais?
Nos formatos tradicionais ou analóxicos non advirto demasiadas mudanzas. Xa daquela existían escasas plataformas para visibilizar a nosa literatura e estas seguen sendo escasas, co engadido de que o espazo destinado aos formatos de crítica ou opinión literaria foi, gradualmente, diminuíndo, cando menos falo da miña propia experiencia. En canto aos medios dixitais non existe tal limitación e posúe a vantaxe do “feed back” co internauta, cada vez menos intenso por outra parte, mais a lectura nestes medios esixe, tamén, contención e limitación pois as lecturas que se practican neste formato son case sempre rápidas, máis próximas á verticalidade que á horizontalidade lectora.
(P): Toda a túa vida está destinada á literatura, xa que ademais de ser crítico e escritor, impartes clases de literatura nun instituto de ensino secundario. Cales son as claves para ‘enganchar’ á xuventude a ler?
Non impoñer, ofrecer. Liberdade onde escoller, variedade sempre. Contacto, se é posible, coas persoas que escriben.
(P): Fálase moitas veces da situación de Galicia como unha comunidade na que se nos menospreza continuamente. Ese vivir no fin do mundo cres que se nota tamén no panorama literario?
Sen ningunha acritude eu entendo Galicia como o centro do meu mundo e o resto, para min, é periferia. Dispomos dun patrimonio que debemos coidar, defender e preservar que é a lingua e que é xustamente a ferramenta do traballo creativo de moitas persoas. A saúde da lingua, o seu emprego, a súa difusión, a súa presenza na sociedade, o seu apoio, os afectos que pousemos nela determinarán a normalidade do funcionamento da nosa literatura e o seu futuro.
(P): Fuches durante un tempo o encargado da páxina da revista Que Leer na que se falaba de libros galegos, sección que desapareceu fai un ano. Pódesnos falar desta experiencia?
Fun, si. Unha experiencia interesante pois daba a oportunidade de ofrecer, en forma de crónicas ou entrevistas, as claves e presenzas do noso sistema literario, estivesen ou non traducidas, dirixidas a unha persoa interesada no mundo dos libros que tivese curiosidade en ir máis alá do que se publicaba en castelán. Ese era o espírito, e funcionaba no seu momento.
(P): Tes en marcha algún proxecto literario do que nos poidas falar?
Algúns traballos ensaísticos en marcha e documentándome, con vagar, en distintas fontes sobre algún proxectos aínda pouco concretados.