
A semana pasada coñecín a escrita de Xosé Monteagudo coa súa recente novela Todo canto fomos. Gustoume tanto, que me levou a indagar máis na súa literatura e a bulir á biblioteca a coller As voces da noticia, novela coa que gañara o Premio Blanco Amor no ano 2002.
Aínda que dista moito da recente novela de Monteagudo, As voces da noticia descobre o potencial dun escritor que seguirei a partir de agora moi de preto. Debido á miña profesión de xornalista, sempre me pareceron moi interesantes as fontes das que parten as noticias, as reportaxes e os demais textos xornalísticos. E é que a miúdo preséntansenos os produtos das investigacións, sen darse de conta de que o proceso é tamén importante.
Xosé Monteagudo ponse na pel dun xornalista ao que lle encargan descubrir o que pasou realmente nunha morte xa pasada tras o falecemento do que foi o asasino nun lugar da provincia de Lugo chamado A Brea.
O que semella ser una novela de investigación ao uso tórnase rapidamente nunha serie de monólogos dos protagonistas, as voces da noticia, verquidos en fitas. Iso lévanos a coñecer pouco a pouco o que, máis tamén o como e o porqué duns feitos que acabaron coa morte de Damián a mans do seu veciño Benigno.
O que observamos a partir desas conversas é que o carácter dos implicados no crime está fortemente influído polo espazo concreto, un lugar de fondas raíces rurais onde os avances se miran cun ollo revirado e con moita desconfianza. Esa disputa por unhas leiras serve de excusa para narrar ese ambiente pechado, hermético, un ambiente no que as xentes se atopan soas e precisan de alguén que escoite as historias das súas vidas, mesmo se non teñen nada salientable que contar. Esas ansias ser escoitados fai que os protagonistas falen do seu primeiro bico, o primeiro baile, a súa saída do pobo e, en definitiva, das descubertas da vida. Ao lelas tiven a impresión de estar de novo coa miña avoa, quen me contaba todo o que ela descubrira na vida.
É unha novela con moitas referencias ao mundo do xornalismo, no que adquire relevancia o traballo de campo, a investigación que se leva a cabo antes das reportaxes, do oficio de escoitar ás fontes da información, e da soidade desta profesión tan sacrificada.
Ficha técnica
Autor: Xosé Monteagudo
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2002
Número de páxinas: 370