Alberto Mancebo é un dos xornalistas galegos máis populares na actualidade, e unha das caras coñecidas da TVG. Recentemente fíxose co XXX Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey coa obra Indolente, que vén de publicar Xerais. Nun tempo a cabalo entre o 2034 e un 2041 que lembran demasiado os anos do confinamento da Covid, sitúase esta historia que é unha carreira contra o reloxo e na que a protagonista loita por salvarse no sentido máis literal e visceral. A novela está escrita coma unha escapada a contracorrente, cun ritmo trepidante, de xeito que o autor consegue meternos na pel de Nora e no seu desasosego e preocupación.
Nese mundo prodúcese unha gran tormenta xeomagnética que fai que os aparatos electrónicos, nos que se viña sostendo a vida da maior parte da poboación, deixasen de funcionar, unha realidade que nos lembra moito á nosa porque sostemos case todo nos móbiles. O libro, neste sentido, é tamén unha pregunta arredor de que pasaría se a tecnoloxía morrese, algo que hoxe nos parece case inconcibible. Que fariamos? Como sobreviviriamos? En que pasariamos o noso tempo? De feito, nun momento dise que «todo o mundo se volvera un salvaxe outra vez». E creo que aí está a clave. Nesa cita que nos persegue.
Na viaxe cara a casa, que non será doada, Nora acórdase de cousas e sucesos do pasado, como cando tivo á súa segunda filla e sufriu violencia obstétrica, polo que o libro está atravesado dun claro matiz de denuncia social. Que acontecería se tiveses que pasar un dos momentos peores da túa vida cunha das persoas que tanto dano che fixo? Que farías se estivese en perigo? Todas as preguntas se magnifican coa descrición da ansiedade, unha enfermidade que se nomea e se identifica, algo que xa se observaba na primeira novela do autor, O que me queda por dicirche.
Indolente é un libro máis traballado que o anterior, aínda que continúan repetíndose certas eivas. Tal é o caso dun argumento por veces previsible e que tira demasiado polas mensaxes agardadas antes ca o desenvolvemento dunha trama máis potente e acorde ao que promete ao comezo; ou erros á hora de cadrar os tempos, que neste caso se torna máis complexo. Con todo, estamos diante dunha obra correcta, que consegue prender o noso interese de principio a fin, que se le dunha sentada e que é unha boa conversa entre os xéneros máis realistas e esoutros da ciencia ficción, unha forma de escrita con moito futuro nos tempos que habitamos.
Ficha técnica

Título: Indolente
Autora: Alberto Mancebo
Ano de publicación: 2024
Editorial: Xerais
Número de páxinas: 152
Prezo: 17,95 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
