“Non hai xeito de edulcoralo. As mulleres árabes vivimos nunha cultura que nos é fundamentalmente hostil, reforzada polo desprezo dos homes. Non nos odian polas nosas liberdades, como dicía o trillado clixé estadounidense post 11-S. Non temos liberdade porque nos odian”.
A escritora, xornalista e militante feminista Mona Eltahawy escribiu Hixabs e himes para reivindicar a necesidade do feminismo nas sociedades árabes, un libro que tivo un gran éxito e que agora María Fe González Fernández vén de traer ao galego para a editorial Hércules. Lonxe do branqueamento que por veces se fai dende as relixións, ela falou con moitas mulleres do seu Exipto natal e doutros países co fin de analizar os referentes femininos de Oriente e para explicar que a loita pola liberdade das mulleres xa leva demasiados anos adiándose aínda que se reclame por parte de moitos colectivos de mulleres. Eltahawy berra alto e claro que ningún país nin sociedade será verdadeiramente democrático mentres as mulleres non sexan iguais que os homes, e pon como exemplo a Arabia Saudita, que se vende como un referente igualitario pero que non é real. Así, por exemplo, sen quitarlle mérito á Primavera Árabe, denuncia que non se tivo en conta ás mulleres. Como adoita acontecer, semella que sempre hai outras reivindicacións máis importantes que a loita pola emancipación feminina, algo que tamén se ten estudado noutros libros, caso de Mujeres en lucha, de Isabella Lorusso.
Fronte ás correntes retrógradas, xa hai bastante tempo que as mulleres toman a palabra e usan a escrita para loitar e reivindicar a igualdade. Así o fai Mona Eltahawy, quen volve demostrar que dende o persoal se pode avanzar no político. Ela, que foi violada por policías, analiza cuestións como o acoso ao de xénero nas rúas, exemplificando que “canto máis se tapa ás mulleres, máis se libera aos homes”. Tamén dedica un capítulo á mutilación xenital feminina, o que define como “o control do hime”, porque o que fai o sistema é reter sempre os corpos das mulleres.
En definitiva, a activista denuncia que a revolución non é completa se non están elas. E neste libro explica con datos e testemuños outras cuestións tan controvertidas como o uso do hixab, a reclusión das mulleres nos fogares e, a punta do iceberg, a violencia de xénero. Precisamente, aquí ponse de manifesto que as mulleres non están seguras nos seus fogares, e que neses espazos é onde máis violacións e violencias se producen, tamén por parte das nenas.
Ficha técnica

Título: Hixabs e himes
Autora: Mona Eltahawy
Tradución: María Fe González Fernández
Ano de publicación: 2023
Editorial: Hércules
Número de páxinas: 200
Prezo: 18,50 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
