As grandes historias de amor da literatura escríbense nos séculos XVIII e XIX. Coincidindo co nacemento da lectura como desexo e paixón, sobre todo, nas mulleres prodúcese unha xeración de novelas románticas, como Orgullo e prexuízo, de Jane Austen, Cumes torboentos, de Emily Brönte, ou Jane Eyre, de Charlote Brönte. Novelas que tiñan como sentido entreter e evadir ás persoas do seu afogado día a día.
Publicada por primeira vez no 1847, Jane Eyre é a historia dunha moza que cre no amor pero tamén na independencia da muller, que cre no matrimonio pero consumado por amor e non por conveniencia, que é a formula que imperaba naquela época. Charlote Brönte construíu esta historia de forma autobiográfica nun relato onde se ensamblan os sentimentos e a natureza bucólica, a que máis fortalece o amor. A novela, considerada un clásico de todos os tempos, podemos atopala agora en galego na tradución de Celia Recarey Rendo para Irmás Cartoné, e nela afloran moitas ideas para reflexionar e que atopamos entre liñas: a independencia da muller que loita contra unha sociedade machista, a infinita oposición entre a beleza e a intelixencia no momento de amar, as imperfeccións humanas, as misións relixiosas na India… E fronte a todo iso, o amor é como un paraugas baixo o que se acubilla Jane ante as tormentas vitais.
A novela contén continuas apelacións ás persoas lectoras, a través das que se consegue unha empatía similar á dunha conversación oral á beira da fogueira, ou hoxe en día nunha cafetería abeirada cunha amiga. Jane Eyre é a que nos explica o seu drama e a súa vitoria persoal, o levantamento ante os problemas, ao tempo que nos describe os sentimentos máis sublimes do amor e do desamor, á maneira do século XIX. Todo iso cunha forma que aínda a día de hoxe segue cativando a tantas lectoras e lectores, que cren que o amor ten a súa lóxica nas vivencias cotiás, e que detrás de cada palabra existe unha realidade.
Jane Eyre defínese coma unha heroína romántica, unha referente para as mulleres que aman e son libres. Tanto ela coma sir Edward Rochester ou a pequena Adèle son personaxes que encandilan, e a través deles podemos pensar que o amor pode ser tolo pero non ten por que significar a perda da cordura nin da independencia. Que podemos amar e pensar coa cabeza, e aí radica a contemporaneidade desta obra. Escrita onte pero que se le cos ollos de hoxe.
Ficha técnica

Título: Jane Eyre
Autora: Charlote Brönte
Tradutora: Celia Recarey Rendo
Ano de publicación: 2023
Editorial: Irmás Cartoné
Número de páxinas: 640
Prezo: 26,00 €
Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.
Descubre más desde Lecturafilia
Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.
