Contarnos a través da radio

Di Iñaki Gabilondo que a radio acompaña ás persoas, tece comunidade, fai que escoitar a voz doutras persoas sexa un acto íntimo pero tamén social. O limiar que escribe o gran xornalista radiofónico para 90 anos nas ondas. Dos inicios da radio en Galicia aos nosos días, de Aser Álvarez, convídanos a que abramos o libro cunha ledicia que nos contaxia.

A través dunha obra multiformato, Álvarez percorre a historia da radio en Galicia, concretamente de Radio Galicia, dende o ano 1933 ata o 2023, e ese legado cóntase a través de entrevistas cos protagonistas, documentos de arquivo, imaxes, e con códigos QR nos que accedemos ás voces, que son as que lle dan sentido á radio. Non en van, é unha extensión da exposición que percorreu o pasado ano varios espazos da Galiza co obxectivo de buscar esa definición do que é a radio para nós.

O libro comeza a describir as catro etapas da historia da radio, dende aquel 1933 previo á guerra no que Radio Galicia comeza a emitir con regularidade dende San Domingos de Bonaval e despois dende o primeiro andar do nº 5 da Praza da Universidade, un traballo que é posible grazas ao extraordinario esforzo de colectivos, empresas, institucións e persoas vencelladas á Liga Pro-Estatuto que cren na radio coma unha ferramenta de transformación social e política e un medio para promover a campaña autonomista no medio dunha poboación moi pouco alfabetizada. Aí, nese espazo, estréase “O vello dos contos” de Xosé Mosquera, e colaboran Antón Fraguas, Otero Pedrayo, Castelao, Manuel Beiras, Suárez Picallo ou Ánxel Casal. Compostela convértese, así, na sexta cidade de España en contar cunha emisora propia.

A seguinte etapa, que vai do 1936 ao 1977 caracterízase por unha radio sen liberdade, quedando sometida ao franquismo e que pasa de ser unha canle do galeguismo a expresar o patriotismo español. Pero aí comezan a despuntar varias voces, e pode dicirse que a radio eclosiona, para dar paso á etapa do 1977 ao 1990 e dese ano ata a actualidade a unha nova radio que se semella máis ao que é hoxe en día.

A modo de agradecemento e cun gran cariño que traspasa as páxinas, Aser toma a voz dos e das protagonistas, de todas as persoas que formaron parte de Radio Galicia e a converteron na gran escola da radio, e da que saíron moitos dos grandes profesionais do país. No libro entrevístaos e déixaos falar coma se estivesen nunha emisora radiofónica e mesmo nos deixa escoitalos a través dos fragmentos radiofónicos que o libro inclúe a través de QR. Así, o que se transpira na voz de todos e de todas elas é que mantiñan a radio con moita ilusión e un traballo voraz, e que esa chama foi o alimento diario. 

Ficha técnica

Título: 90 anos nas ondas. Dos inicios da radio en Galicia aos nosos días

Autor: Aser Álvarez González

Ano de publicación: 2023

Editorial: Arraianos Producións

Número de páxinas: 174

Prezo: 19,00 €

Esta crítica publicouse orixinalmente no suplemento Sermos Galiza do xornal Nós Diario.


Descubre más desde Lecturafilia

Suscríbete y recibe las últimas entradas en tu correo electrónico.

Avatar de Desconocido

Escrito por

Graduada en periodismo y enamorada de la lectura y la cultura. Porque leer nos hace mejores personas.

Si te ha gustado este artículo y quieres dejar tu opinión, encantada de leerte!

Este sitio utiliza Akismet para reducir el spam. Conoce cómo se procesan los datos de tus comentarios.